Os nosos investigadores mostran no CITIC como crear contornas seguras con recursos matemáticos
venres, 24 de novembro do 2017
Estes
días (onte e hoxe) estanse celebrar na sede do CITIC
(Centro de Investigación TIC), no Campus de Elviña na Coruña,
uns encontros que sitúan a Galicia como referente
nunha cuestión innovadora de interese internacional: a cuestión
da confluencia entre matemáticas e novas tecnoloxías e de como este
traballo conxunto, entre unhas e outras, pode asegurar contornas
online e offline máis seguras e protexidas ou accións
máis eficientes e eficaces en rescates, incidencias e catástrofes.
Trátase das quintas
Xornadas sobre Seguridade e Defensa, que este ano desenvólvense
baixo o epígrafe Tendencias e Demandas en Tecnoloxías
Matemáticas e TIC e que están organizadas polo devandito CITIC,
por CESEDEN, o Instituto de Matemática Industrial (ITMATI), o grupo
M2NICA e máis a UDC (Universidade da Coruña). Ao
longo das dúas xornadas estase a mostrar o potencial de tecnoloxías
concretas como o primeiro sistema de detección temperá de sismos e
tsunamis en España, baseado en modelos matemáticos e algoritmos
numéricos que predín o seu potencial destrutivo antes de que
acontezan.
Tamén
se está a expoñer un modelo matemático de distribución loxística
en condicións humanitarias que, por primeira vez, fai prevalecer a
seguridade dos cooperantes. Estes son algúns dos contidos do trece
charlas do evento, nas que representantes da Armada Española, de
entidades investigadoras e de empresas como Airbus e Getronics, entre
outras, expoñen casos de éxito no ámbito da seguridade e a
defensa. “En todos eles, os modelos matemáticos, a utilización de
algoritmos numéricos, a súa implementación eficiente en
computadores e o uso Tecnoloxías da Información e a Comunicación
(TIC) foron parte da solución”, explica Carlos Vázquez,
catedrático de Matemática Aplicada da Universidade da Coruña (UDC),
investigador adscrito ao ITMATI e ao CITIC e presidente do Comité
Científico e Organizador. Segundo fai saber Vázquez, “este
encontro busca o achegamento de grupos de investigación en
matemáticas e TIC con industrias e institucións relacionadas coa
seguridade”. Por ámbitos de actuación, o investigador salienta “o
avance do Big Data”, a información a gran escala, un dos
eidos con máis oportunidades para todos os grupos que participan no
evento, porque “permitirá a incorporación dos datos reais para
calibrar os modelos”. Esta é razón de que unha das mesas redondas
da xornada xire arredor da información inxente: Oportunidades no
ámbito de Big Data. As súas relacións coa seguridade e a defensa.
No
evento tamén participan empresas galegas punteiras como Torusware,
salientando a importancia das tecnoloxías de seu (plataformas e
algoritmos específicos) para facer fronte ás crecentes ameazas na
Rede, desenmascarando informacións a tempo real mediante a análise
automática e masiva de datos.
O
encontro lévase a cabo grazas á colaboración entre ITMATI, o
CITIC, o Centro Superior de Estudos da Defensa Nacional (CESEDEN) e
a UDC (coa colaboración do Instituto Matemático Interdisciplinar da
UCM). Tamén contan coa participación doutras entidades e empresas
participantes como: Airbus Defense and Space, Appentra,
Armada-Flosub, General Energy, Getronics, Insitu, Randed, Roa,
Torusware ou Zima Corp.
Esta
actividade enmárcase no marco do convenio de colaboración entre o
Ministerio de Defensa e o Consorcio Instituto Tecnolóxico de
Matemática Industrial (ITMATI), para a organización e o
desenvolvemento destas xornadas. Tamén colaboran a Consellería de
Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a
través da Rede Tecnolóxica de Matemática Industrial (Rede TMATI) e
do convenio que ITMATI ten con esta Consellería.