Os premios SERenidade 2024 recoñecen a excelencia do CiTIUS e o seu traballo en IA

venres, 23 de febreiro do 2024 S. P.

A centenaria canle radiofónica Cadena Ser vén de recoñecer a traxectoria do CiTIUS como unha institución de prestixio e “referente internacional da IA”, ao concederlle un dos seus Premios SERenidade 2024.
Estes galardóns, outorgados cada ano por Radio Galicia – Cadena SER (a emisora decana da radio en Galicia, con máis de 90 anos de antigüidade) recoñecen a persoas e institucións con traxectorias especialmente destacadas, e na súa edición actual distinguiron tamén a Nadia Calviño (presidenta do Banco Europeo de Investimentos, ministra de Economía entre 2018 e 2024 e vicepresidenta primeira do Gobierno de España entre 2021 e 2023); a Fundación Paideia (unha fundación presidida pola empresaria Sandra Ortega, que promove desde 1986 o desenvolvemento integral das persoas máis vulnerables); a Aluminios Cortizo (primeiro fabricante e distribuidor de sistemas de aluminio na Península Ibérica, e referente do sector en Europa); a Carlos Blanco (monologuista, actor e director, un dos referentes da escena galega); e a Moncho Fernández (adestrador do equipo Monbus Obradoiro, que conseguiu manter ao equipo na máxima categoría nacional durante 14 anos).
No que respecta ao CiTIUS, o fallo destaca “o labor do centro nun contexto de avance da Intelixencia Artificial”. Así mesmo, o xurado salienta que “o centro da investigación da USC tense convertido nun referente internacional, da man do catedrático Senén Barro e dun gran equipo de profesionais”.
Senén Barro, o director científico do centro valorou moi positivamente este venres 23 de febreiro a noticia e recoñeceu estar moi satisfeito por ter recibido o centro compostelán que dirixe “un premio dun forte valor simbólico”. Para o catedrático de Intelixencia Artificial da USC, trátase dun premio “no que a sociedade recoñece o valor do que facemos, e como director, só podo alegrarme”. Barro aproveitou a ocasión para agradecer a todo o persoal do CiTIUS “o gran traballo que está a facer”. E engadiu: “Creo que todas e cada unha das persoas que formamos parte deste centro podemos sentirnos moi orgullosas e agradecidas por este recoñecemento”. A entrega dos galardóns está prevista para o vindeiro mércores, 28 de febreiro, nunha gala que se celebrará no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela).

PUBLICIDADE