Os televisores 8K actuais non poderán venderse en Europa a partir de marzo de 2023
venres, 21 de outubro do 2022
Nos últimos meses as feiras tecnolóxicas amosaron a ausencia
da grande oferta de televisores 8K que podían verse en anos anteriores,
asegurando os propios fabricantes que iso era consecuencia da posibilidade de
que moitos dos modelos que estaban en desenvolvemento puidesen non chegar a
comercializarse en moitos mercados por limitacións normativa, destacando o caso
europeo, onde pasaría a estar prohibida a venda dos actuais televisores 8K por
mor do seu elevado consumo enerxético.
Dende
a industria están a loitar contra o novo regulamento europeo, argumentando
basicamente que prexudica aos fabricantes e frearía un ecosistema emerxente,
aínda que na práctica os televisores 8K non teñen moito sentido, xa que carecen
de contidos en tal resolución e, de feito, incluso os contidos en 4K aínda
están moi lonxe de xeneralizarse (apenas existen canles televisivas en 4K, e
incluso nas plataformas de streaming moitos dos contidos non están dispoñibles ultra
alta resolución, quedando limitada tal opción a novas producións).
A nivel europeo temos un
regulamento que establece os requisitos de deseño ecolóxico aplicable ás
pantallas electrónicas, que establece un Índice de Eficiencia Enerxética (IEE)
que para as pantallas 4K está actualmente limitado a un máximo de 1,10, mentres
que as pantallas con resolución superior non habería tope até a entrada en
vigor do novo regulamento, que fixaría o IEE máximo en 0,90 para todas as
pantallas cunha resolución superior a Full HD, o que afectaría ás pantallas 8K
e tamén ás emerxentes pantallas Mini LED.
Baixo este marco, non só estaría prohibida a venda de todos os televisores 8K
actuais, senón tamén de moitos televisores equipados con modos HDR moi pouco
eficientes, o que supón consumos enerxéticos que as autoridades comunitarias
consideran desproporcionados.
- O televisor LG NanoCell 8K ten un panel de 75 polgadas
Como exemplo do futuro marco regulatorio os televisores de 55, 65 e 75 polgadas
terían uns consumos máximos de 85, 113 e 142 watts respectivamente, o que está
moi por debaixo dos límites actuais do televisores 8K. Por exemplo, os
televisores LG 8K NanoCell de das dimensións de pantalla antes mencionadas
consumirían uns 130, 171 e 178 watts en modo normal e 189, 269 e 274 watts co
HDR activado. Pola contra os televisores 4K que hai actualmente no mercado non
teñen problema en encaixar na nova norma cando teñen o HDR desactivado.
Querer xustificar o consumo excesivo dos actuais televisores 8K cando na
práctica están reproducindo contidos en alta definición (e algún contido
puntual en 4K) non é en absoluto razoable en produtos destinados a fogares,
pois supón un desperdicio enerxético masivo.
Non debemos entender que na Unión Europea se prohibe o 8K, pois a nova medida tamén
afectaría aos televisores Mini LED 4K e a algún outro televisor que non coida a
súa eficiencia enerxética, e parece razoable pensar que o obxectivo perseguido instar
aos fabricantes a coidar a eficiencia dos seus produtos antes que as especificacións
que só introducen como reclamo comercial e que non teñen supoñen unha vantaxe
obxectiva.