Os televisores contarán cun modo que respectará o formato orixinal dos filmes

martes, 27 de agosto do 2019 Marcus Fernández

A UHD Alliance vén de realizar un importante anuncio froito da colaboración entre fabricantes de electrónica de consumo, os estudios de Hollywood e membros da comunidade cinematográfica, para o que incluso contaron coa presenza do director Rian Johnson (responsable de títulos como Looper, Rogue One: Una historia de Star Wars e Star Wars: Episodio VIII - Los Últimos Jedi), pois a ocasión merecía contar co respaldo de grandes figuras para dar a importancia que merece o Filmmaker Mode, novo modo que incluirán futuros televisores e que respectarán o xeito no que se filmaron as películas á hora de reproducilas no ámbito doméstico.
Durante anos, son moitos os creadores e consumidores que se queixan de que os televisores están a amosar a acción dun xeito artificial, que incluso pode resultar bastante desagradable á vista, especialmente para ollos moi afeitos a ver as producións cinematográficas a 24 imaxes por segundo, e incluso circulan pola rede guías para configurar moitos dos televisores do mercado para minimizar os filtros aplicados á imaxe para crear un efecto que nunca debería terse aplicado.

Rian Johnson foi o encargado de presentar ao mundo o Filmmaker Mode

Rian Johnson declarou durante a súa presentación que o feito de que os novos televisores poidan funcionar a elevadas taxas de refresco supón unha grande vantaxe para os videoxogos (que gañan en velocidade e fluidez) pero dado que o 99,9% dos filmes (clásicos e actuais) grávanse a 24 imaxes por segundo, os filtros de suavizado de imaxe supoñen unha alteración da obra que en palabras do director fai que «as películas parezan popó» (ou sexa, merda). Lembra que os distintos filtros que se aplican ás películas nos televisores, e que veñen activados de xeito predeterminado, son extremadamente difíciles de localizar e desactivar, e teñen diferentes nomes en función do seu fabricante; de aí que considere un grande avance que se chegase a un consenso para que os televisores poidan contar un modo no que se amosen os filmes tal e como foron concibidos, con só premer un botón.
Johnson apuntou ao feito de que a tecnoloxía avanza buscando melloras, pero non sempre os avances son conscientes das súas consecuencias, o que pode levar ao xurdimento de Terminators, e precisamente por iso ve con bos ollos que se poida gozar nun televisor moderno dos filmes tal e como se exhibiron nos cines, concluíndo que todo amante do cine, sen preocuparse por cuestións técnicas ou artísticas, debería ver películas co Filmmaker Mode activo, para que non luzan mal. O director incluso deixou caer que este modo de funcionamento debería chamarse «Modo Fai Que As Películas Non Parezan Popó».
O Filmmaker Mode aplicarase tanto a contido en definición estándar como en alta definición e persegue preservar a relación de aspecto, as cores e a velocidade de fotogramas, para o que os televisores deben, entre outras cousas, evitar a interpolación de imaxes, os filtros de enfoque, a redución de ruído e outros procesos de mellora da imaxe. Para facer este modo accesible queren que poida activarse mediante un botón no mando a distancia do televisor e/ou de xeito automático de detectarse nos metadatos do vídeo que debería activarse, ou sexa, que pretenden que non haxa que perderse entre os menús dun televisor para poder gozar dun filme ou dunha serie de televisión do xeito no que se filmou.
Entres as compañías que están detrás deste novo modo figuran LG, Panasonic, Samsung, Sony, Hisense, Sharp, Toshiba e moitas outras, polo que podemos entender que dentro duns meses será unha funcionalidade xeneralizada, que para moitos consumidores será máis importante que o HDR, o 4K ou moitas outras tecnoloxías que foron recibindo os televisores nos últimos anos.

Grandes directores de cine amosando o seu apoio ao Filmmaker Mode

PUBLICIDADE