PC City pechará as súas tendas en España
xoves, 14 de abril do 2011- A Coruña conta cunha tenda de PC City no Centro Comercial Elviña
O grupo británico
Dixons Retail, propietario da cadea de tendas
de informática PC City, anunciou a finais do mes pasado que estaba a estudar o
cese de actividades en España ante a debilidade do noso mercado, e finalmente
adoptaron tal medida, de xeito que botará
o peche a 34 tendas españolas e aplicará un ERE que afectará a 1.224 empregados.
Dende a dirección de PC City España están a explorar todas as vías posibles
para buscar solucións que permitan salvar o meirande número posible de
empregos. A compañía tamén destacou que o seu cese de actividade non afectará
ás garantías e obrigas que a empresa contraeu cos seus clientes, asegurando que
cumprirán con todas as prestacións previstas nos programas de servizo.
- Tenda de PC City na rúa do Horreo (Santiago de Compostela)
A compañía xustifica o seu peche debido á «progresiva
caída do consumo, ás perdas acumuladas pola cadea e aos plans do Grupo para
centrar a súa actividade en tendas combinadas de informática e electrónica».
En 2009 a compañía xa aplicara un ERE que afectou a 215 empregados e 10 tendas,
aínda que as súas actividades en Galicia (concretamente nas cidades de A
Coruña, Vigo e Santiago de Compostela) non se viran afectadas, pero nos últimos
días algúns dos establecemento xa iniciaran liquidacións de produtos, e durante
a última semana celebraron os Días
Morados, promoción a través da que ofrecían un 25% de desconto nos seus
produtos en tenda e web.
- Curiosamente o anuncio do peche de PC City en España coincide coa inauguración dunha nova tenda en Marineda City (A Coruña)