POVISA ofrece videoconferencia gratuíta para os pacientes con COVID-19
martes, 31 de marzo do 2020
POVISA,
o hospital privado de Vigo, vén de anunciar unha medida tecnolóxica
para facer máis levadías as estancias dos pacientes con COVID-19
nas súas instalacións. Estamos
a falar da posta en marcha, a partir deste mércores en todas as
terminais de cabeceira dos doentes de coronavirus, dun sistema de
balde de videoconferencia para que poidan comunicarse cos seus
familiares durante o réxime de illamento ao que están sometidos.
O
sistema, que en palabras de POVISA é “único até agora en
hospitais de España”, é froito dos esforzos dos servizos técnicos
do hospital e máis o provedor das pantallas táctiles, Quantion, que
fornecerá ás persoas hospitalizadas “plena autonomía e
intimidade para manter conversas privadas sen límite de tempo”.
Ofrécese tamén a opción de facer chamadas en grupo.
O
obxectivo de POVISA con esta medida, que se une á gratuituidade do
servizo de TV dende a semana pasada, nas habitacións, é “compensar
dalgunha maneira as esixentes condicións de illamento ás que están
sometidos os doentes, fomentando así a comunicación con amigos e
familiares”.
Equipos
de Povisa e Quantion ultimaron este último día de marzo as probas
dos dispositivos, que serán plenamente operativos a partir deste
mércores primeiro de abril.