Padronvirtual.com agasalla material tecnolóxico para a súa posta en marcha

mércores, 22 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

Para a posta en marcha do portal padronvirtual.com, e para acadar a máxima difusión das súas vantaxes e obxectivos, os responsables do mesmo convocaron un sorteo para os usuarios e visitantes da devandita plataforma. O sorteo, celebrado o 17 de decembro, incluía a achega dunha cámara dixital Sony e máis un lote de produtos informáticos. Desta volta, informan dende a web, o premio foi dar á empresa Talleres Casal. No acto de entrega deste material, celebrado o martes 21 de decembro, participou Sindo González, representante da plataforma padronvirtual.com, quen puxo os agasallos en mans de Nieves Casal, propietaria da firma gañadora.
Con todo, a xeira de premios non remata acó. O vindeiro 28 de xaneiro procederase a realizar un novo sorteo para os visitantes e usuarios da web, que terán ocasión de gañar un lector de DVD con só cubrir un pequeno formulario e envialo logo aos responsables da plataforma en liña.
Cómpre lembrar que este portal web é un directorio comercial que lles permite ás firmas e comercio de Padrón non só promover os seus negocios mediante un espazo propio de seu, senón tamén publicar ofertas de produtos e servizos, novas, ofertas de emprego, cheques de agasallo e/ou desconto para os clientes, etc. “Tobo baixo un sinxelo deseño web que lles permite aos internautas atopar a información con só facer un clic”.

PUBLICIDADE