Paula López substitúe a Paulo Félix na dirección adxunta do CiTIUS
venres, 17 de abril do 2020
A
investigadora Paula
López, doutora en Física e investigadora adscrita ao CiTIUS
(Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da
Universidade de Santiago), vén de ser designada oficialmente nova
directora adxunta do centro, un cargo a través do que acompañará
no liderado do CiTIUS ao catedrático da universidade compostelá
Senén Barro,
designado como director científico en maio de 2019.
Segundo
informan fontes do centro, o nomeamento “prodúcese tras unha
década de crecemento e consolidación do CiTIUS encabezada polo
investigador Paulo
Félix, primeiro como director comisario (2010-2019) e máis
tarde como director adxunto, trala creación fai tan só uns meses da
figura da dirección científica (2019-2020).
O
propio Senén Barro amosou expresamente a súa gratitude: “A título
persoal, e en nome do CiTIUS, quero transmitirlle a Paulo o
recoñecemento e agradecemento infinitos pola súa dedicación, e
polo acerto co que conduciu o noso centro desde a súa orixe ata o
centro de referencia en tecnoloxías intelixentes que hoxe somos”.
Fitos
recentes
Respecto
dos fitos acadados durante o mandato de Paulo Félix, o CiTIUS foi
quen evolucionar dende unha semente inicial que “integraba
distintas liñas de investigación distribuídas pola USC”, ata
converterse, segundo informou a Universidade de Santiago, “nun
centro de investigación competitivo a nivel internacional,
recoñecido pola industria e cunha excelente proxección cara ao
futuro, como acreditan os novos proxectos europeos obtidos nas
últimas convocatorias, os numerosos proxectos con empresas, ou o
substancial incremento no seu financiamento público trala
resolución
da recente convocatoria de axudas concedidas pola Xunta”.
A
estratexia da nova dirección
A
nova directora adxunta do CiTIUS valorou tamén como “excepcional”
o traballo desenvolvido polo seu predecesor: “Espero facer unha
xestión digna da herdanza recibida, é un luxo partir da situación
actual ante un escenario de tanta responsabilidade”. Segundo
engadiu, unha das primeiras accións que se porán en marcha tralo
nomeamento será a publicación nos vindeiros días do novo Plan
Estratéxico do CiTIUS para o período 2020-2023, un documento no que
se recollen as accións chave para favorecer que o centro siga
medrando. “A nova planificación estratéxica será sen dúbida un
reto que afronto con moita ilusión”, afirma Paula López,
engadindo que o centro “leva facendo as cousas ben dende os seus
inicios, os recentes e moi importantes logros no ámbito
internacional son unha boa mostra diso”.
Extensa
traxectoria
Paula
López recibiu o título de doutora en Física pola USC en 2003. Tras
realizar unha estadía posdoutoral no Instituto Fraunhofer de
Circuítos Integrados en Erlangen (Alemaña) regresou a España para
continuar a súa carreira investigadora e docente, sendo na
actualidade profesora titular na USC.
O
seu traballo céntrase no modelado e caracterización de dispositivos
microelectrónicos e o deseño de circuítos integrados, unha liña
na que na actualidade lidera a participación da USC no proxecto
Marie Skłodowska-Curie Innovative Training Network (ITN)
MENELAOS_NT, desenvolvido ao amparo do programa europeo H2020.