Penalizan a un youtuber que filmou a un suicida

xoves, 11 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

O youtuber Logan Paul leva preto dun par de semanas protagonizando unha grande polémica que puxo a YouTube no obxectivo de todas as miradas ante a súa pasividade por mor dun vídeo publicado no que Paul internábase en Aokigahara, o bosque dos suicidios de Xapón, véndose claramente como atopaban o cadáver dunha persoa pendurada nunha árbore.
O vídeo non só violaba claramente as normas de YouTube e carecía de todo o respecto ao ser humano (tras a impresión inicial os protagonistas chegaban a rir), senón que a reacción do público en contra non se fixo esperar, e finalmente o propio responsable da canle decidiu eliminar o vídeo e publicar unha desculpa que non resultou satisfactoria para a comunidade.
Ante o malestar causado, e tras moitos días de inacción, finalmente dende YouTube publicaron unha carta aberta na que pedían desculpas pola falta de comunicación, insistindo en que o suicidio non é motivo de broma, e recoñecen que a canle de Logan Paul, con máis de 39 millóns de subscritores, incumpre as normas de YouTube e adoptarán accións en consecuencia.
Suspender a canle de YouTube parecería algo demasiado drástico, pero o que si fixo YouTube finalmente foi eliminalo do programa Google Preferred, que é o que o abre aos principais anunciantes, polo que esta medida suporá un duro golpe económico para Logan Paul. Tamén queda en suspenso un proxecto de Paul para YouTube Red, o filme The Thinning: New World Order, que tería que ver a luz este ano, á vez que cancélase a súa participación na serie Foursome.

Vídeo de desculpa de Logan Paul