Pepephone comeza a mudanza a Movistar

martes, 3 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

A aventura de Pepephone para poder ofrecer conexións 4G aos seus usuarios está a piques de iniciar un novo capítulo, xa que tras as frustradas negociacións con Vodafone e o intento de mudar a Yoigo, finalmente prosperou un acordo con Movistar, que nas vindeiras horas farase realidade, de xeito que espérase que a partires de mañá os clientes que contraten con Pepephone reciban unha tarxeta SIM que xa empregue Movistar como provedor da conexión.
A transición entre ambas compañías provocou que hoxe Pepephone non acepte altas, e os clientes actuais de Pepephone continúan polo momento a recibir o servizo a través de Vodafone, realizándose a migración a Movistar de xeito progresivo en función da súa antigüidade, agardándose que no mes de xuño remate esta mudanza.
O cambio no servizo precisa tamén dun cambio de tarxeta SIM, que é un dos principais atrancos na axilización deste proceso, xa que debe programarse todo para que o usuario reciba a tarxeta nova e saiba cando deixará de funcionar a SIM vella para cambiala pola nova no seu terminal.
Os usuarios máis ansiosos poden contactar con Pepephone para solicitar un adianto da recepción da súa nova SIM en vez de agardar a súa quenda.
Espérase que esteamos ante un punto de inflexión do 4G en España, xa que ao poder ofrecer 4G un Operador Móbil Virtual (OMV) o público comezará a esixir este tipo de conectividade ao resto.

PUBLICIDADE