Perú elixe a tecnoloxía da galega SIVSA para impulsar o seu modelo de telemedicina

xoves, 9 de setembro do 2021 S. P.

A empresa viguesa SIVSA completou con éxito o proxecto piloto de telemedicina impulsado polo Centro Nacional de Telemedicina (CENATE) de Perú, o organismo público que xestiona o seguro social no país andino, co obxectivo de definir a estratexia de atención sanitaria remota e a domicilio en todo o seu territorio.
O proxecto, executado a través da división de SIVSA en Perú (SIVSA MeQ, especializada en equipamento médico e biomédico), desenvolveuse na Villa Rebagliati, actualmente convertida nun centro hospitalario especializado na atención de enfermos COVID.
O sistema probado baséase en Hosix, o software de xestión e información hospitalaria de SIVSA, e está concibido para ofrecer de maneira remota todos os niveis de hospitalización, incluídos pacientes de coidados intermedios.
“A nosa tecnoloxía”, explican fontes da empresa galega, “ofreceu excelentes resultados durante o ensaio realizado o pasado mes de xullo, no que se fixo monitoraxe durante 48 horas a diversos pacientes rexistrados e/ou seleccionados”.
Contou coa participación dun equipo de profesionais sanitarios capacitados para o uso e funcionamento da solución tecnolóxica de SIVSA, a través da que se xestionaron os procesos de admisión e alta, a historia clínica e os parámetros médicos para controlar a evolución das pacientes (receitas, datos médicos, controis de saturación de osíxeno, probas diagnósticas en remoto, etc).
Segundo explica a compañía galega, a implantación do sistema tamén permitiu comprobar a súa eficacia para garantir a seguridade do equipo médico e de enfermaría fronte a posíbeis contaxios, ao “permitir reducir de xeito sensíbel o risco de transmisión orixinado polo contacto frecuente nun país onde os sanitarios foron especialmente azoutados pola pandemia e ao ser a Villa Rebagliati un centro hospitalario centrado na atención de pacientes COVID”, engadiu a empresa viguesa.
Hosix Cloud, sistema aloxado nunha nube de alta seguridade que permite a conexión sen a necesidade de ter que instalar servidores locais, facilita e simplifica o acceso desde centros de saúde remotos, despachos médicos locais e domicilios.
Hosix é unha solución tecnolóxica desenvolvida por SIVSA e coa que xa traballan na actualidade máis de 30 hospitais de 6 países. No caso concreto de Perú, SIVSA conta cunha importante presenza no sector sanitario, onde preto dunha vintena de hospitais públicos e privados xestionan actualmente os seus procesos hospitalarios e administrativos con Hosix, o que lles levou “a mellorar a calidade asistencial e a atención ao paciente”, informa a empresa dende Vigo.

PUBLICIDADE