Piden 2 anos de cadea por humillar a un indixente en YouTube

martes, 17 de abril do 2018 Marcus Fernández

Na procura de máis seareiros para as súas canles hai youtubeiros que superan as barreiras non só do bo gusto, senón tamén da dignidade humana e da legalidade, e así o entenden no caso de Kanghua Ren, tamén coñecido como ReSet, quen nun dos seus vídeos humillou a un indixente nas rúas de Barcelona ao darlle un paquete de galletas Oreo que previamente enchera de dentífrico. O vídeo recibiu un elevadísimo volume de visitas e estímase que xerou uns 2.180 euros de beneficio por publicidade para Kanghua, quen agora terá que ir a xuízo acusado dun delito contra a integridade moral, polo que piden 2 anos de cadea, así como 30.000 euros ao mendigo por danos morais.
O vídeo fora publicado en xaneiro de 2017, e a resposta pública non se fixo esperar, cun amplo rexeitamento cara ao comportamento de ReSet, quen xa fóra denunciado anteriormente por maltrato animal. Os intentos de desculpa de ReSet, en vez de paliar o problema, agravárono, xa que cada vez que o youtubeiro abría a boca empeoraba a súa imaxe pública, e incluso chegou a ofrecer 300 euros ao indixente para acalalo.
Actualmente ReSet está en liberdade baixo fianza de 2.000 euros, coa prohibición de saír de España para ir a China (a onde acude regularmente de vacacións) e tamén está a diversificar a súa presenza en YouTube, de xeito que agora mantén por separado a súa canle ReSet GAMER e unha nova canle só co nome de ReSet, a primeira con 1,2 millóns de subscritores e preto de 100 millóns de reproducións, e a segunda xa con 163 mil subscritores e máis de 4,6 millóns de reproducións, deixando claro que as críticas aos poucos escrúpulos de Kanghua non parecen afectar ao seu éxito en liña.

PUBLICIDADE