Pluto TV xa está dispoñible en España

luns, 26 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Aínda que a estrea de Pluto TV non estaba prevista até dentro dun par de días, a nova plataforma de vídeo en liña de ViacomCBS financiada con publicidade chega a España tanto a través da súa páxina web dende a que acceder aos seus contidos libremente e sen rexistro ou a través das súas aplicacións para iOS e para Android, contando estas últimas incluso compatibilidade coa función de picture-in-picture para poder visualizar os contidos audiovisuais mentres se realizan outras tarefas no dispositivo móbil.
Pluto TV ofrece contidos de dous xeitos: vídeo en directo (no que os contidos están repartidos en 40 canles con cadansúa grella de programación) e vídeo baixo demanda (permitindo o acceso a películas, series e programas con liberdade horaria).
Actualmente Pluto TV ofrece 7 canles de cine divididas por temática (Cine, Cine Acción, Scifi, Thrillers, Cine Romático, Cinedrama e Cine Comedia), 6 canles de series (Series, Los Asesinatos de Midsomer, Curro Jiménez, Las Reglas del Juego, Andrómeda e Mutante X), 7 canles de programas da MV (ningún de contidos musicais), 2 canles de lecer (con concursos, documentais, realities...), 6 canles de comedia, 2 canles de crime e misterio, 1 canle de estilo de vida (Cocina), 2 canles de deportes (Action Sports e IGN, destacando este último por estar dedicado aos videoxogos) que serían as principais cales que non estarían dobradas ao español e 7 canles infantís.
Os contidos baixo demanda, en cambio, están repartidos en Top Cine, TV Series, MTV e 5 categorías de cine por xénero, facendo así máis atractiva esta plataforma, xa que permite un consumo máis habitual ao que estamos afeitos actualmente.
Polo momento os cortes publicitarios parecen limitarse a pequenas pausas promocionais da propia plataforma, pero é de esperar que nos vindeiros días vaian poboándose de anuncios tradicionais, que serán os que financien Pluto TV, facendo posible que este servizo poida estar dispoñible sen rexistro de usuarios nin subscricións de pagamento.

JPEG - 417 KB
A aplicación para móbiles ofrece contidos en vivo, contidos á carta e incluso a posibilidade de manter a reprodución mediante a función de picture-in-picture

PUBLICIDADE