Poderían prohibir os routers de TP-Link nos EE.UU.

mércores, 18 de decembro do 2024 Marcus Fernández

As páxinas do The Wall Street Journal recollen en primicia unha información relativa a un dos fabricantes de electrónica máis importantes do mundo, TP-Link, con dispositivos instalados en millóns de fogares, e que nos EE.UU. sospeitan que podería ter ligazóns con certos ataques informáticos de orixe chinesa.
Na información publicada pola prensa estadounidense aseguran que TP-Link terá preto do 65% do mercado dos routers dos fogares e a pequenas empresas dos EE.UU., polo que o feito de que poidan empregarse como vector de ataque informático sería unha ameaza de tales dimensións que levaría a que o ano que vén se prohibise a venda de routers TP-Link nos EE.UU.
Dende a China non ben con bos ollos este tipo de medidas, como as que no seu día aplicaron contra Huawei, e consideran que nos EE.UU. están a empregar a seguridade nacional como un xeito de eliminar a competencia das compañías chinesas, polo que prometen que tomarán medidas para defender os intereses das empresas do país asiático.
Polo momento non se fixo pública ningunha evidencia de que TP-Link estivese relacionada con ataques informáticos promovidos pola China e, de feito, varios dos ataques reportados nos últimos tempos estaban relacionados con routers de Cisco e Netgear, ou sexa, de compañías estadounidenses, polo que semella difícil de xustificar un veto ao fabricante chinés.