Pont-Up Store consolídase como modelo de emprendemento e espírito innovador
venres, 20 de setembro do 2024
Xurdidas na maioría dos casos despois da pandemia, procedentes de múltiples puntos de Galicia e lideradas nun 70% por mulleres, 42 novas iniciativas empresariais dan a coñecer os seus produtos e servizos na décimo primeira edición de Pont-Up Store, o encontro do emprendemento que este venres e sábado se desenvolve en Pontevedra.
Impulsado pola Universidade de Vigo e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, o evento conta co apoio de máis de 50 entidades públicas e privadas e ten como obxectivo servir como “un espazo onde convivan as entidades do ecosistema emprendedor”, como sinalou o seu director, Pedro Figueroa.
Con ese obxectivo, á presentación das iniciativas emprendedoras nos diferentes espazos da carpa instalada na praza de España súmase un programa de actividades complementarias integrado por máis dunha vintena de actividades. Entre elas, o acto de entrega da primeira edición dos premios que a UVigo outorga a traballos de fin de grao e mestrado e teses de doutoramento relacionadas co emprendemento e a presentación dos proxectos desenvolvidos o pasado curso no programa INCUVI da institución académica.
A presentación contou coa presenza do devandito Pedro Figueroa, da vicerreitora do Campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, da vicerreitora de Estudantado e Emregabilidade, Natalia Caparrini, do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Pablo Fernández; od vicepresidente primeiro da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez; do delegado especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades; e do representante de R Faustino Batallán, en representación das empresas colaboradoras. Todos eles puxeron de relevo a colaboración entre entidades públicas e privadas no impulso dun evento polo que, ao longo de once anos, “pasaron case 500 proxectos ilusionantes de xente nova cunha visión de vangarda”, como lembrou o alcalde.
Trala inauguración celebrouse a entrega dos premios cos que a Universidade de Vigo busca recoñecer traballos académicos que propoñan o desenvolvemento de novos produtos e servizos cun potencial nicho de mercado ou orientados a xerar un proxecto que poida contribuír á creación dunha iniciativa empresarial. Esta convocatoria, explicou Caparrini, é froito dun convenio asinado coaa Xunta de Galicia “para fomentar o emprendemento universitario”, financiada con 20.000 euros procedentes da UE-Next Generation. Dirixidos a recoñecer a innovación e o emprendemento, a convocatoria prevía outorgar un primeiro e un segundo premio en cada ámbito de coñecemento, tanto na categoría de teses como de TFG e TFM.
A vicerreitora do campus e o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais participaron xunto con Caparrini nun acto no que se fixo entrega de cinco primeiros premios, dotados con 1600 euros, ás mellores teses de doutoramento. No ámbito de Ciencias da Saúde o galardón foi para Pablo Hernández pola súa investigación Intervencións baseadas na escola das costas para o tratamento e prevención da dor; mentres que en Ciencias Sociais e Xurídicas recoñeceuse a tese na que Nuno André Pinto avaliaba as aplicacións da Realidade Virtual no sector do enoturismo. En Ciencias, foi premiada a tese Análise da evolución histórica computacional e da calidade do código dos modelos climáticos de Michael García, mentres que no eido Enxeñaría outorgáronse dous premios, un para Rubén Domínguez, por Deseño dun sistema CAD en colonoscopia baseado en aprendizaxe automática, e outro a Antón Puga, que investigou a combinación de tecnoloxías avanzadas de oxidación e absorción selectiva para o tratamento de microcontaminantes. Así mesmo, tamén foron distinguidas cun segundo premio as teses de Antía González e Quiu Zhouyan.
No referido aos TFG e TFM, Antía Vieiro logrou o primeiro premio na categoría de Arte e Humanidades polo desenvolvemento do proxecto empresarial Florida Moda, mentres que Cora Campos acadouno en Ciencias da Saúde por un traballo centrado na plantación da técnica da imaxinería mental nas unidades de rehabilitación de fisioterapia dos hospitais. Dotados con 1000 euros, tamén foi concedido un primeiro premio a Santiago Pérez, polo desenvolvemento dunha ferramenta para a avaliación da rendibilidade social dos proxectos turísticos, no ámbito de Ciencias Sociais e Xurídicas; mentres que en Ciencias distinguiuse o estudo de Iliana Durán sobre a aplicación de novas aproximacións terapéuticas ao estudo do cancro. Finalmente, no ámbito da enxeñaría foi premiado Pablo Alonso por Predición de alertas de mal funcionamento en turbinas eólicas con aprendizaxe profunda. A estes galardóns súmanse os segundos premios outorgados a Lara Areal, Raquel González, Álvaro Alonso, Iria Moreira e Iria Otero e o accésit concedido a Laura Eugenia Ceide.
42 emprendementos
Entre os 42 proxectos que se presentan nesta edición inclúese unha proposta de Wildfire Sentinel, unha empresa tecnolóxica galega que está a desenvolver un sistema de detección temperá de incendios forestais a través do olor. Trátase dunha solución que, a través de sensores capaces de distinguir diferentes tipos de materias e un sistema de algoritmos personalizado para o tipo de vexetación da contorna na que se instale, é capaz de identificar mediante Intelixencia Artificial as partículas que se producen nos primeiros minutos de combustión.
Wildfire Sentinel presentará esta tecnoloxía na rolda de financiamento Pont-Up Venture onde participarán tamén outras empresas revolucionarias no seu sector como a plataforma Knowmad Tribe, que xestiona experiencias coliving en todo o mundo; o software Cuotalis, creado para simplificar e automatizar o proceso de reclamación de impagos de cotas nas comunidades de propietarios; a foodtech Vanetta Food, que fabrica zorza vegana; a liña de calzado orgánico e reciclado de Beflamboyant, e a firma Sembra Biojoyas que crea pezas de bixutería orgánica en colaboración con etnias indíxenas do Amazonas.
A Pont-Up Venture daralles a oportunidade ás persoas responsábeis destes emprendementos de presentar as súas ideas de negocio ante un xurado integrado por responsábeis de investimentos en distintas entidades e empresas e que nesta ocasión estará composto por Alba Pombo, analista de investimentos en Xesgalicia; Pablo Campos, CEO (director executivo) da firma Unitatea Capital; Jorge González, analista de novas oportunidades de investimento en Netaccede; e Jorge Leiro, xestor en Torsa Capital e no fondo Lugo Transforma.
Tamén se presentan produtos de alta cosmética que aproveitan o potencial termal galego como Blue Silk Cosmetics e Amalgama Silvestre; propostas que tiran rendemento do noso monte transformando as setas en produtos de alto valor engadido como Maremonte Setas, producindo mel e derivados como Terras de Boborás, ou aceite de oliva artesanal como Embruxo.
Como consecuencia da aposta do formato Pont-Up Venture, aumentan os emprendementos de base tecnolóxica como a aplicación web Certy Chain que permite a sinatura dixital segura a través de cadea de bloques (blockchain), E en contraste coa tecnoloxía chaman a atención dúas novas empresas dedicadas a crear xogos de mesa como Buscalume e xogos de cartas sobre escalada e alpinismo como Muki Xogos. As iniciativas baseadas no rural e o liderado feminino voltan ser protagonistas.