Premiado o curso en liña da UDC sobre educación musical e software libre

martes, 22 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

A Universidade da Coruña vén de obter un importante recoñecemento ao seu labor formativo e innovador. Máis polo miúdo, recibiu o Premio Innovación Educativa MiríadaX 2018 de mans da Telefónica Educación Dixital. O motivo? O lanzamento do primeiro MOOC (Massive Open Online Courses) da Universidade da Coruña, impulsado en colaboración coa Universidade de Cádiz. Trátase do curso en liña Música para o S.XXI: achegas do software libre á educación musical. Segundo conta a UDC, foi seleccionado entre preto dun cento de candidaturas de 44 universidades de oito países.
O curso está coordinado polas profesoras Rocío Chao Fernández, da Universidade da Coruña, e Sara Román García, da Universidad de Cádiz. Foi deseñado, gravado e editado dende a Unidade de Teleformación do Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE) da UDC. Amais, contou coa colaboración do servizo técnico de audiovisuais da Facultade de Ciencias da Comunicación, así como co alumnado bolseiro desta mesma facultade.
O obxectivo deste curso online é que o alumnado desenvolva as competencias musical e dixital utilizando a metodoloxía de e-music learning. Ou sexa, aprendizaxe musical a distancia.
En termos máis concretos abrangue catro módulos. No primeiro trátanse conceptos xerais sobre a competencia en medios, a importancia da incorporación das TIC ao eido musical e os beneficios do emprego de software libre no ensino da música. Nos tres restantes danse a coñecer as posibilidades que ofrecen tres programas de software libre para a aprendizaxe e a práctica musical: Lenmus, MuseScore e Audacity. Estes, segundo informan as coordinadoras da actividade formativa, permiten coñecer conceptos de linguaxe musical mediante prácticas progresivas, realizar edición de partituras e creacións musicais e elaborar materiais prácticos.
Pola súa banda, Miríadax é unha plataforma de MOOC iberoamericana, iniciativa de Telefónica Educación Dixital, que aposta por impulsar o coñecemento en aberto no ámbito rexional da Educación Superior.

PUBLICIDADE