Premio á firma tecnolóxica Qaroní nos premios de AJE Galicia

xoves, 17 de xuño do 2021 S. P.

Narón foi este mércores 16 a capital do emprendemento galego e da innovación. O motivo? A celebración da gala final do Premio Xove Empresario/a de Galicia e Iniciativa Emprendedora 2021 que este ano chega á súa décima edición. O galardón recaeu nas empresas Pablo Méndez Performance e na tecnolóxica Qaroní, respectivamente. Trátase dun evento itinerante promovido por AJE Galicia que cada ano se celebra nunha cidade galega e que en 2020 recalou na Coruña.
O acto, que se celebrou no Pazo de Narón, contou coa intervención, entre outros, do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde; o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites; o presidente de CEAJE, Fermín Albaladejo; o presidente de AJE Galicia, Luciano Covelo e, como anfitrión da gala, o presidente de AJE Ferrol, Luis González Rey.
A gala do certame pódese ver en Youtube, na canle de AJE Galicia.
Os premios recaeron este ano nas seguintes empresas, de entre as 20 candidaturas finalistas procedentes de todas as cidades galegas:
-Premio Iniciativa Empresarial de Galicia 2021. Pablo Méndez Performance, iniciativa centrada nos ámbitos do espectáculo, a caracterización e a fantasía para todo tipo de eventos e actividades.
-Premio Iniciativa Emprendedora de Galicia 2021. Qaroní. Iniciativa innovadora de mercado centrada desenvolvemento de aplicacións móbiles, na Intelixencia Artificial e nos servizos de cadea de bloques (blockchain), xeolocalización, aplicacións, análise de información a gran escala (Big Data), Internet das Cousas, Realidade Aumentada, entre outros ámbitos de acción. Combinan disciplinas para crear ferramentas dixitais que levan ao mercado para axudar ás empresas a liquidar problemas e abordar a transformación dixital.
-Mención de Honra á Innovación. Kiwanda Labs. É unha empresa que liquida os problemas de inventario e rastrexabilidade (trazabilidade) mediante a tecnoloxía RFID, permitindo ás empresas vender máis con menos stock e facendo un uso máis eficiente dos seus recursos.
-Mención de Honra á RSE. D Barrio. É unha plataforma (web e app) para pedir a domicilio nas mellores tendas e restaurantes locais, elixindo o repartidor e axudando a mellorar os barrios.
Ademais, durante a décima edición da gala dos premios de AJE Galicia entregouse o galardón honorífico a Gerardo Collazo, director executivo (CEO) da empresa Desenvolve.

PUBLICIDADE