Preparan un teclado Bluetooth que recrea o ZX Spectrum

xoves, 26 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Prototipo funcional do teclado Bluetooth que recrea a aparencia do clásico ZX Spectrum

Un dos editores de videoxogos máis coñecidos de finais dos anos 80 no Reino Unido, Elite Systems, continúa en activo especializándose en xogos para dispositivos móbiles, centrando a súa actividade principalmente en recuperar a sistemas actuais xogos de Commodore 64 e Sinclair Spectrum, o que os levou a iniciar un curioso proxecto de micromecenado a través do que facer posible unha recreación do teclado do ZX Spectrum que poida conectarse por Bluetooth a iOS e, máis adiante, a Android e Windows Phone, facilitando que smartphones e tablets poidan gozar de videoxogos clásicos mantendo a súa interface de control orixinal.
A campaña de captación de fondos rematará o 31 de xaneiro e pretende xuntar un mínimo de 60.000 libras esterlinas, tendo que aboarse 50 libras (71,80 euros con gastos de envío incluídos) para facerse unha das primeiras 1.000 unidades deste teclado desenvolvido coa licencia oficial e coas teclas de goma que tantos recordos poderán traer a moitos dos nostálxicos que gozaban do Spectrum, ordenador doméstico que superou os 5 millóns de unidades vendidas en todo o mundo, aínda que os seus principais mercados foron o británico e o español (sendo un dos catalizadores da chamada Idade de Ouro do Software Español).
Os usuarios que se fagan con este teclado Bluetooth a través de Kickstarter tamén recibirán unha aplicación para iOS que permite gozar deste accesorio nun iPhone ou iPad (ou crédito na App Store para poder adquirir a aplicación correspondente), aínda que cómpre destacar que, ao estarmos ante un dispositivo Bluetooth, é moi posible que sexa posible adaptalo para o seu uso non só nos dispositivos para os que o adapte Elite, senón tamén en ordenadores persoais para o seu uso en emuladores.
O Bluetooth ZX Spectrum pretende entregarse aos compradores a partir de setembro de 2014.

O teclado facilitará unha realística recuperación dos xogos de ZX Spectrum a través de emuladores

PUBLICIDADE