Presentan os oito videoxogos subvencionados pola Xunta

luns, 28 de abril do 2025 Redacción

A presentación tivo lugar no Museo do Videoxogo de Galicia

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presentou o pasado sábado no Museo do Videoxogo de Galicia, en Cangas, a escolma dos oito proxectos de videoxogos subvencionados a través da nova liña de axudas da Xunta para o desenvolvemento deste sector, cun investimento de 150.000 euros: Gato, Macen-93, O noso pasar: A nosa fantasía, Portalén, Sandwich Cat, subROV, Unicorn Wars e Xerme.
O responsable de Cultura do Goberno galego amosouse moi satisfeito coa resposta das empresas galegas a esta convocatoria autonómica, que (como explicou) é a primeira que se lanza con fondos propios para impulsar «o talento e o potencial creativo e tecnolóxico» neste eido, resultado dun proceso de diálogo co sector encamiñado a atender do xeito máis específico e útil posible a idiosincrasia das produtoras e estudos que traballan en Galicia.
«Deste xeito, contribuímos a xerar novas oportunidades para a profesionalización e a creación de emprego, así como para a incorporación de máis mulleres aos equipos», continuou López Campos, en referencia aos criterios de concesión destas axudas. Nas súas bases, primábase tamén o desenvolvemento de versións en galego dos proxectos, de maneira que se facilita a chegada ao mercado de contidos feitos en Galicia e no noso idioma.
Baixo o título Videoxogar galego, o acto contou coa participación de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Rubén Calles, presidente da asociación videoxogo.gal, e Galo Martínez, presidente da fundación MUVI e director do seu museo que foi recentemente incorporado ao sistema de centros museísticos de Galicia.
Interviñeron, así mesmo, os responsables da maioría dos proxectos subvencionados para explicar as súas principais características e o estado de desenvolvemento. Para o conselleiro, estes oito títulos son «un claro exemplo do potencial das empresas galegas, que contribúen a promover a marca Galicia tamén no eido dos videoxogos».
Os proxectos subvencionados son:
– Gato, o novo traballo do estudo de videoxogos accesibles Iseltec
– Macen-93, unha proposta narrativa e de investigación a partir de documentación real desclasificada, na que Aqueladas mestura realidade e ficción
– A nosa fantasía, xogo de fantasía e supervivencia en 2D, inserido na serie transmedia O noso pasar, de Melgo Cinema
– Portalén, iniciativa de Cristela Torres Nine baseada no folclore musical e no patrimonio galego
– Sandwich Cat, producido por Testaferro a partir da curtametraxe homónima de David Fidalgo
– subROV, prototipo de cabina de control en realidade virtual para un xogo de exploración submarina
– Unicorn Wars, de DEP Games, baseado na longa de Alberto Vázquez gañadora do Goya á mellor película de animación en 2022
– Xerme, que Acariño Games presenta como unha experiencia inmersiva sobre a orixe e evolución do mundo natural
Ademais do interese e da calidade artística e técnica, así como da contribución á promoción do idioma galego e á creación de emprego neste eido, valorouse tamén a diversidade do público ao que se dirixen os proxectos, o seu carácter innovador, o potencial para xerar sinerxías con outros sectores, a viabilidade técnica e económica e a incorporación de ferramentas de avaliación de resultados.
As contías concedidas destinaranse ás diferentes fases de desenvolvemento destes videoxogos, desde a creación ata a produción, edición, distribución e comercialización.
Deste xeito, ofrécese un apoio integral aos contidos de selo galego no marco do compromiso da Xunta con este sector que, como indicou o titular de Cultura, vén de ser referendado pola petición unánime do Parlamento de Galicia para que os videoxogos sexan considerados parte esencial do sistema cultural galego.

Participantes na presentación no MUVI en Cangas