Preto de 11 millóns de datos de usuarios españois de Facebook filtrados

martes, 6 de abril do 2021 Marcus Fernández

Nos últimos días deuse conta de que estaba a circular pola Rede totalmente de balde unha filtración con 533.313.128 rexistros de usuarios de Facebook, dos que 10.894.206 corresponderían a España e que incluirían detalles como nome, número de teléfono, sexo, ocupación, cidade, país, estado civil e, nalgúns casos, correo electrónico, creando unha grande preocupación, xa que esta información pode propiciar ataques informáticos para roubar contas ou usurpar identidades.
Dende Facebook quitan importancia á filtración de toda esta información asegurando que corresponde a un incidente que tivo lugar en 2019, e o fallo de seguridade que permitía recompilar tal información de xeito masivo foi corrixida hai tempo, pero cómpre salientar que o feito de que os datos teñan unha antigüidade de 2 anos non tranquiliza a case ninguén, xa que a información recollida tende a non mudar a longo prazo.
Na páxina web Have I Been Pwned? podemos introducir o noso número de teléfono (precedido polo número 34, xa que ten que estar en formato internacional) para comprobar se foi comprometido pola filtración, sendo bastante posible que sexa así se temos conta de Facebook no noso smartphone, xa que a plataforma de Mark Zuckerberg insistía moito en incorporar o número de teléfono dos usuarios por motivos de seguridade, o que finalmente provoca o contrario do pretendido: expor os datos dos usuarios dun xeito maior.
O máis sorprendente desta filtración masiva é que Facebook non está a comunicar aos usuarios da exposición dos seus datos persoais e o perigo que iso pode supor, especialmente agora que os datos están a circular libremente pola Rede.

PUBLICIDADE