Prisma estrea versión para Android

luns, 25 de xullo do 2016 Marcus Fernández

As aplicacións que aplican filtros a fotografías son todo un fenómeno en dispositivos móbiles, sendo o grande referente Instagram, que permitía que dun xeito moi doado calquera posuidor dun iPhone puidese sentirse como un fotógrafo profesional con aspiracións artísticas, chegando a converterse nunha rede sociais de seu que disparou a súa popularidade cando estreou versión para Android, e onte mesmo puidemos ver como acontecía o mesmo con Prisma, unha aplicación nacida no iPhone, que permitía transformar fotografías en traballos artísticos empregando o estilo de artistas como Van Gogh ou Picasso, que tras unha fugaz beta privada para Android, estreou finalmente a súa aplicación, podendo converterse no fenómeno viral do verán tras Pokémon GO, invadindo Instagram, Twitter e Facebook con imaxes alteradas cos seus impresionantes filtros desenvolvidos con tecnoloxía de intelixencia artificial.
A chegada de Prisma a Android supón a popularización desta ferramenta que nas últimas semanas só estaba ao alcance de usuarios de iOS, e agora chega á grande masa global de usuarios de Android, contando con facilidades para poder compartir as imaxes xeradas en Instagram e Facebook cun único clic, ou con calquera aplicación de Android grazas á flexibilidade do botón de compartir propio no sistema operativo promovido por Google.
ata o momento Prisma tiña máis de 10 millóns de instalacións en iOS e máis de 400 millóns de imaxes creadas, dependendo o procesamento das imaxes dos servidores na nube da compañía rusa Prisma Labs, sendo de esperar que nos vindeiros días experimenten algúns problemas dado os problemas de saturación que poden padecer os servidores agora que incrementarase substancialmente o volume de carga do servizo.
Queda agora por ver o modelo de negocio desta aplicación, que é completamente de balde, de aí que non sexan poucos os que suxiren que os creadores desta tecnoloxía de filtros de imaxe o que están a buscar e conseguir moita sona para que algún xigante os absorba na liña do que aconteceu no seu día con Instagram.