ProducerAI facilita a creación musical mediante IA

martes, 24 de febreiro do 2026 Redacción

Poucos días despois da integración en Gemini do modelo de creación musical mediante IA Lyria 3, Google anuncia a incorporación de ProducerAI a Google Labs, plataforma concibida como un asistente de creación musical, que permite compoñer, editar e experimentar con cancións completas a partir de instrucións en linguaxe natural, co obxectivo de facilitar que artistas de todos os niveis materialicen as súas ideas sonoras.
ProducerAI funciona como un colaborador creativo. O usuario pode iniciar o proceso cunha orde sinxela (por exemplo, solicitar un ritmo lofi) e, a partir de aí, introducir axustes detallados como variacións de reverberación, modificacións no grave ou cambios estruturais na peza. A ferramenta combina varios modelos desenvolvidos por Google DeepMind, entre eles Gemini, Lyria 3, Veo e Nano Banana. Ademais, todas as creacións inclúen SynthID, a marca de auga imperceptible que identifica contidos xerados con IA por Google.
A plataforma foi desenvolvida en diálogo cunha comunidade activa de músicos, tanto emerxentes como consolidados e emprega unha versión preliminar de Lyria 3, o modelo máis recente de xeración musical de alta fidelidade de Google DeepMind. Esta tecnoloxía é capaz de interpretar elementos como o ritmo, a estrutura e a disposición instrumental, e ofrece controis detallados sobre parámetros como o tempo ou a sincronización das letras. Google prevé reforzar o control creativo dos usuarios mediante funcións como Spaces, que permitirá crear instrumentos e efectos personalizados a partir de descricións textuais, nun contorno que vai desde un teclado básico ata sistemas modulares baseados en nodos.
A integración de ProducerAI en Google Labs enmárcase nunha estratexia máis ampla de colaboración entre Google DeepMind e YouTube arredor da chamada Music AI Sandbox, un conxunto de ferramentas experimentais para músicos profesionais interesados en explorar a IA como aliada creativa.