Proxector inicia unha nova andaina co obxecto de ser o gran referente dos recursos didácticos en galego

martes, 18 de xaneiro do 2022 S. P.

Acurtar ao máximo as distancias entre a divulgación das máis variadas disciplinas e a cidadanía, ao tempo que se aposta de cheo polo galego: este é o gran obxectivo da nova andaina do portal Proxector, unha das grandes novidades web da tempada na Rede galega. Impulsada en 2015 polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago, a páxina comezou o ano 2022 con novos folgos e, nun plano máis concreto, con 600 vídeos didácticos feitos ou subtitulados en galego.
Esta nova etapa de Proxector foi dada a coñecer por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) e Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O gran obxectivo, sinalaron, é “mostrar materiais científicos, de calidade e na nosa lingua, dirixidos a docentes e alumnado universitario e de ensino medio”.
Trátase, engadiron, dunha nova andaina que vai máis aló dun redeseño visual: consiste de feito nun cambio de concepto para recordar a estudantes e profesorado que existen recursos didácticos no noso idioma. Rosario Álvarez, presidenta do CCG, fixo fincapé en que é un produto que une tres eixes de acción “ciencia e divulgación científica; un público novo e o feito lingüístico”. Ámbitos nos que tamén coincidiu Gumersindo Feijoo, vicerreitor da USC, que engadiu a importancia de ser un produto audiovisual e en acceso aberto, fundamental nas institucións públicas.
Importantes novidades
Segundo sinalaron Álvarez e Feijoo, o portal vén este mes de xaneiro con “importantes novidades”. Dunha banda, “todos os vídeos están aloxados no repositorio creado polo do CCG, o que lle dá unha maior estabilidade e difusión”, explicaron, poñendo o foco noutro punto destacado do novo periplo virtual de Proxector: a súa expansión cara ao ensino secundario, o que lle permitirá actuar “nuns ámbitos relevantes para a normalización lingüística, a ESO, o Bacharelato e o FP”, ámbitos onde por lei non é posíbel achegar determinados recursos na nosa lingua.
Os ámbitos temáticos son moitos e variados no portal (antropoloxía social, bioloxía, dereito, economía, comunicación audiovisual, xornalismo), que se ben non produce contidos propios, ten capacidade para concentrar nun espazo único materiais que existen noutras redes, xa filtrados e etiquetados, actuando deste xeito de punto de encontro divulgador. Por outra banda, achega aos estudantes especiais que agrupan materiais sobre aspectos de actualidade ou relevantes. De feito, a nova andaina de Proxector arrinca cun especial sobre virus, epidemias e vacinas.
A presentación contou coa asistencia de Elena Vázquez Cendón, membro do CCG e decana da Facultade de Matemáticas da USC, que destacou a importancia de localizar estes materiais nun único espazo: “É un punto de encontro que demandaba o Ensino Medio e a Universidade, onde se poden atopar recursos moi destacados, xa validados e certificados” apuntou.
Canda ela estaban Xusto Rodríguez Río, responsable da Área de Terminoloxía da Universidade de Santiago de Compostela; Manuel Núñez Singala, responsable de normalización lingüística da USC e Susana Mayo, coordinadora técnica do Centro de Documentación Sociolingüística do CCG.
Funcionamento de Proxector
Segundo explicaron na presentación, os vídeos do portal están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados, e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre e/ou os diferentes despregábeis que permitirán filtrar resultados. “Co ánimo de apoiar a introdución do portugués no sistema educativo galego, tamén ofrecemos vídeos gravados ou subtitulados neste idioma”, explicaron os asistentes á presentación do portal.
Aínda que esta nova etapa conta con 600 vídeos, Proxector é un catálogo que está en continua actualización e está pensado para que a comunidade didáctica engada contidos. Todos aqueles que queiran participar neste proxecto poden enviar a súa suxestión a cdsg@consellodacultura.gal ou snl_lugo@usc.es.
Os comezos
A Universidade de Santiago puxo a andar en 2015 unha iniciativa para compilar recursos educativos en galego. Fíxoo a través do portal educativo Didactalia e só para o eido universitario. En 2018 o Consello da Cultura Galega, a través do seu Centro de Documentación Sociolingüística, súmase á iniciativa e comeza a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o Consello da Cultura Galega acordou asumir tamén a custodia dos datos que foron compilados ao longo destes anos, que a partir de agora estarán ao dispor da cidadanía.

PUBLICIDADE