Publicadas as directrices para aplicacións paralelas do proxecto europeo EPEEC, no que se integra Appentra

xoves, 18 de xuño do 2020 S. P.

O proxecto europeo EPEEC, co-impulsado pola tecnolóxica galega Appentra, con sede no CITIC da Coruña, vén de anunciar as novas Directrices de Programación para Aplicacións Paralelas, unha serie de recomendacións referenciais para os desenvolvedores de aplicacións avanzadas que busquen alto rendemento.
Segundo nos contan dende Appentra, trátase dun importante fito de traballo para o proxecto EPEEC cuxas siglas son European joint Effort toward a Highly Productive Programming Environment for Heterogeneous Exascale Computing. Estas directrices, engade a firma coruñesa, están orientadas a facilitar o traballo dos compiladores e así a obter máis rendemento en tempos de execución.
Ademais, son compatíbeis con metodoloxías e ferramentas de nova xeración para a análise de rendemento de software. Nun plano máis concreto, estas directrices de EPEEC permitirán incrementar a produtividade dos programadores no desenvolvemento de aplicacións modernas.
Unha ruta para acadar códigos
Esta guía contribúe aos obxectivos do proxecto, establecendo unha ruta clara para obter códigos de aplicacións axeitados para a paralelaxe e explotación de recursos heteroxéneos. Ademais, estas directrices están apoiadas pola ferramenta galega Appentra Parallelware Analyzer, que analiza o código da aplicación e proporciona recomendacións e oportunidades aos desenvolvedores de programas.
Segundo informan os responsábeis do proxecto, o documento “está enfocado cara á obtención dunha alta produtividade no desenvolvemento de aplicacións de alto rendemento, baseada en boas prácticas de programación paralela, a partir da experiencia de profesionais expertos en computación
de alto rendemento (HPC, polas súas siglas en inglés)”.
Introduce o marco metodolóxico de EPEEC, que artella o proceso de paralelaxe en tres pasos:
1. Preparar o código para o paralelismo: para codificar a aplicación de maneira que reduza o custo/esforzo do desenvolvemento e mantemento do software paralelo.
2. Crear unha primeira versión paralela do teu código: para desenvolver unha versión paralela dun código secuencial existente que se executa máis rapidamente.
3. Optimizar o teu código paralelo: para axustar o código paralelo para obter o
máximo rendemento da plataforma de destino.
As Directrices de Programación para Aplicacións Paralelas poden consultarse (en inglés) na web do proxecto.

PUBLICIDADE