PuntoGal impulsa un novo grupo de traballo sobre a Aceptación Universal para garantir unha Internet máis accesible

xoves, 26 de febreiro do 2026

O Museo do Pobo Galego acolleu esta mañá unha reunión de traballo arredor do Proxecto de Aceptación Universal (UA), unha iniciativa promovida por PuntoGal en colaboración coa ICANN, a asociación de dominios culturais e xeográficos GeoTLDGroup e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación.
O encontro, celebrado ás 11:30 horas, reuniu representantes de distintas entidades co obxectivo de afondar nas principais liñas argumentais da Aceptación Universal e identificar as ferramentas necesarias para facilitar a súa adopción por parte de empresas e organizacións.
A Aceptación Universal é un proxecto impulsado pola ICANN, organismo encargado da xestión internacional dos identificadores únicos de internet, que procura garantir que todas as linguas e alfabetos do mundo sexan plenamente operativos na Rede. O seu propósito é asegurar que dominios e enderezos de correo electrónico funcionen correctamente en calquera sistema, aplicación ou servizo dixital, evitando barreiras técnicas que limiten o acceso ou a interoperabilidade.
Durante a xornada presentáronse os conceptos básicos da UA, nunha intervención a cargo de Javier F. Fraga, secretario do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación. A continuación abriuse unha rolda de intervencións e debate na que os asistentes puxeron en común propostas e necesidades técnicas, nun formato participativo orientado a configurar materiais prácticos de apoio.
Segundo se explicou, integrar os principios da Aceptación Universal desde as fases iniciais de desenvolvemento de software, aplicacións ou videoxogos evita custos engadidos e solucións complexas a posteriori. Pola contra, cando estas cuestións non se teñen en conta desde o inicio, a súa corrección pode resultar máis complicada e onerosa.
As achegas recollidas nesta sesión formarán parte dunha futura web divulgativa que PuntoGal está a preparar para ofrecer recursos dirixidos tanto a administradores de sistemas como a desenvolvedores, co fin de favorecer produtos compatibles coa Aceptación Universal e facilitar a súa comercialización internacional. Está previsto que a páxina web froito desta iniciativa vexa a luz no mes de xuño.

Javier F. Fraga explicou os conceptos básicos da Aceptación Universal