Qualcomm vén de dar detalles da nova plataforma móbil Snapdragon 865, que será a empregada polos móbiles de alta gama que saian nos vindeiros meses, e que apostará por integrar conectividade 5G mediante un modem Snapdragon X55 que podería conseguir velocidades de ata 7,5 Gbps e soportaría os modos 5G NSA e SA (ou sexa, que servirían para a 5G actual e a futura).
Pero ter unha boa capacidade de procesamento e unhas conectividade rápida non é o único no que destacarán os novos procesadores de Qualcomm, senón que tamén facilitarán importantes avances a nivel de cámaras, xa que o ISP Spectra 480 permite gravar vídeos con calidade profesional (4K) mentres dispara brillantes fotografías de 64 Mpíxeles, así como gravar vídeo 8K a 30 imaxes por segundo. Estes procesadores facilitarán o uso de sensores fotográficos de ata 200 Mpíxeles e incluirán soporte de gravación de vídeo a 720p a 960 imaxes por segundo.
A gráfica Adreno 650 tamén abrirá grandes posibilidades a nivel de videoxogos e realidade virtual, podendo reproducir vídeo en 360 graos cunha resolución 8K.
Para dispositivos máis modestos tamén estará a plataforma móbil Snapdragon 765G, que integraría un modem 5G Snapdragon X52, gráfica Adreno 620 e procesador de imaxe Spectra 355 (con soporte de cámaras de ata 192 Mpíxeles e gravación de vídeo a 720p a 480 imaxes por segundo, así como gravación en 4K con HDR), de xeito que permitirá a fabricación de móbiles de gama media con prestacións bastante avanzadas.
Na mesma liña tamén teremos o Snapdragon 765, que sería unha versión que funcionaría a velocidades de refresco inferiores, de xeito que estaría un procesador menos recomendable para videoxogos.
Estes novos procesadores chegarán ao mercado no primeiro trimestre de 2020.
Qualcomm detalla as especificacións dos Snapdragon 865 e 765
Compartir Este Artigo
