R ampliará os datos de varias tarifas móbiles para achegarse ás ofertas da competencia

luns, 27 de novembro do 2017 Marcus Fernández

O operador de telecomunicacións R, pertencente ao grupo Euskaltel, anuncia que o vindeiro 22 de decembro vai mellorar o volume de datos incluído en varias das súas tarifas, sen incremento de prezo, no que parece un axuste da súa oferta fronte á realidade do mercado, xa que non podemos esquecer que o seu servizo móbil chega a través da rede de Orange, a máis empregada polos operadores móbiles virtuais e das peor percibidas por parte dos usuarios en Galicia.
Entre as tarifas que verán aumentados os seus datos móbiles están as tarifas R 5GB e R 10GB, que pasarán a ofrecer 6 e 15 GB de datos; a tarifa 200 + 3 GB pasará a 5 GB; a tarifa plana 200 + 8 GB pasará a ter chamadas ilimitadas e 10 GB de datos; a plana + 5GB dobrará os seus datos; e as tarifas plana + 6 GB e + 10 GB pasarán a ter 15 e 25 GB respectivamente.
Estas ofertas renovadas continuarían a ter uns prezos complicados de encaixar no mercado actual (de non combinarse con outras tarifas) xa que, por exemplo, Amena, o operador de baixo custo de Orange, ofrece chamadas ilimitada e 10 Gb de datos por 19,95 euros/mes e chamadas ilimitadas e 25 GB de datos por 24,95 euros/mes, mentres que para esas condicións R cobraría 25 e 35 euros respectivamente.
Entre os cambios de tarifas de R destaca a aparición dunha nova tarifa móbil que por 45 euros/mes ofrece tarifa plana de chamadas e 50 GB de datos. Para liñas principais tamén lanzarán unha tarifa con 200 minutos en chamadas e 4 GB de datos por 16 euros/mes e outra de 500 minutos en chamadas e 5 GB de datos por 20 euros/mes.
Aparte dos cambios nas tarifas móbiles, R tamén anunciou que as conexións de banda larga fixa de 50 Mbps pasarán a ter 60 Mbps de velocidade a partires do 22 de decembro, de xeito que os clientes só terán que reiniciar o seu router para gozar da nova velocidade de acceso á Rede.

PUBLICIDADE