R incrementará as velocidades de acceso á Rede e os seus prezos

xoves, 12 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Aínda que dende R continúan sen dar detalles, os blogs Mallando no Android e Xataka Móvil están a dar detalles de cambios na compañía de cable que opera en Galicia, que afectarían tanto a clientes particulares como de empresa, no que vén a ser un incremento tanto nas velocidades de acceso á Internet como nas tarifas que comezarían a aplicarse no mes de decembro.
Ao parecer a partires de decembro os novos clientes poderían comezar a contratar as novas velocidades de 50/5, 150/15 e 350/35 Mbps, coas condicións propias dos combos actuais de 200, 100 e 20 Mbps, o que supón unha mellora de velocidade, pero que suporía un incremento do prezo de entre 1 e 3 euros/mes. Coméntase que os clientes actuais non poderán verán incrementada a súa velocidade de acceso á Rede agás que cambien ás novas modalidades de acceso (aínda que en todo caso verían incrementado o prezo das súas tarifas actuais).
Os cambios de tarifas tamén afectarían aos móbiles, de xeito que a Tarifa 1 (a máis económica actualmente) tamén incrementaría o seu prezo 1 euro/mes e o establecemento de chamada e o minuto de exceso tamén pasarían de 19 a 21 céntimos.
Segundo publica Mallando no Android, o novo Combo 350 series custaría 55 euros/mes con móbil R (o Combo 200 series con móbil custa actualmente 52 euros/mes), o Combo 150 series pasaría a custar 47 euros/mes con móbil R (o Combo 100 series ten un prezo de 44 euros/mes) e o Combo 50 series custaría 43 euros/mes con móbil R (o Combo 20 series custa actualmente 40 euros/mes).
Estes cambios de tarifas resultan bastante rechamantes por supor unha importante perda de competitividade por parte de R, xa que os prezos de referencia superan claramente os dos seus competidores máis directos (como Movistar Fusión) e o incremento de velocidades podería chegar tarde e ser insuficiente (xa que Orange xa ofrece actualmente conexións simétricas de 300 Mbps e Movistar tamén está a ultimar o lanzamento de conexións simétricas, o que supón un salto de calidade moi importante nas liñas de banda larga).

PUBLICIDADE