R métese de cheo na tecnoloxía para o fogar dixital

venres, 1 de xuño do 2012 Raquel Noya

A operadora galega R vén de poñer unha nova pedra no camiño que nos separa de acadar un auténtico fogar conectado no noso país, ao anunciar o desenvolvemento dunha plataforma tecnolóxica que faga posible o que eles chaman, “a Internet do futuro no fogar dixital asistencial”.
Isto vai permitir que, de xeito indirecto, se poidan levar a cabo todo tipo de servizos asistenciais nos fogares galegos, mellorando a calidade de vida das persoas que habitan nela, e sobre todo das que poidan necesitar asistencia por ser dependentes ou estar en estados convalecentes.
Máis polo miúdo, o que a compañía prevé facer nun primeiro momento é controlar todo tipo de sensores na distancia e, unha vez homologados algúns deles polas autoridades sanitarias, levar os servizos sanitarios e asistenciais ata os fogares nos que se requiran, abordando, segundo afirman, “o problema do custo da sanidade pública e a demanda crecente de pacientes que desexan controlar persoalmente a súa información sanitaria”.
Porén este sistema, ademais dos servizos sanitarios que prevén cubrir nun primeiro momento, tamén pode ser usado para outro tipo de actividades, tales como a medición do consumo eléctrico ou o control de distintos sensores domóticos.
Ademais de R, que coordina e lidera o plan, participan no proxecto as empresas tecnolóxicas Bahía, Egatel, Level Telecom, 2Mares e Aldaba e o Grupo Hospitalario Modelo da Coruña; así como os centros tecnolóxicos CITIUS da USC, Gradiant e Milegroup da Uvigo e IMEDIR da UDC.
Segundo informa o equipo responsable, “poñer en marcha a Internet do futuro no fogar dixital implica, nunha primeira fase, desenvolver unha plataforma tecnolóxica – da que se vai encargar R- para provisionar, almacenar e xestionar a información sanitaria que os usuarios envíen dende os seus domicilios”.
Isto farao a partir dun sistema de sensores instalados nos diferentes aparellos de uso cotiá do fogar (como pode ser, por exemplo, unha báscula) que proporcionan en tempo real datos útiles e información sobre o estado sanitario do paciente.
O sistema proposto derivaría os datos recibidos do exemplo anterior ás aplicacións en liña de distintos profesionais, como o médico, o preparador físico, o dietista... que en tempo real poderían tomar as medidas oportunas e interactuar co fogar do que reciben a información.
O proxecto, que precisa do redor de 3 millóns de euros para o seu desenvolvemento, recibirá 1,46 millóns do programa FEDER-ÍNNTERCONECTA.

PUBLICIDADE