Ramón Doallo e David Vilares reciben os prestixiosos premios informáticos da SCIE

mércores, 31 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

O investigador David Vilares, da UDC, recollendo o galardón

Ramón Doallo e David Vilares, investigadores da Universidade da Coruña, veñen de recibir formal e oficialmente o Premo Nacional de Informática e o Premio Investigador Novo, respectivamente, que conceden a SCIE a Fundación BBVA. O acto de entrega de galardóns celebrouse hoxe en Madrid, nunha cita na que participaron o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e maila a vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Margarita Amor. Dáse a casualidade de que tanto Ramón Doallo como David Vilares son investigadores do Centro de Investigación TIC da UDC, o CITIC.
Os Premios Nacionais de Informática, que se conceden con periodicidade anual, están convocados pola Sociedade Científica Informática de España e a Fundación BBVA e constitúen, en palabras da Universidade da Coruña, “os recoñecementos máis prestixiosos a nivel estatal no ámbito da Enxeñería Informática”. En concreto, estes galardóns están dirixidos a mostrar e distinguir o labor de investigadores, entidades públicas e privadas na área da Informática que adicaron a súa carreira profesional e o seu esforzo ao estudo, fortalecemento e divulgación desta disciplina.
A modalidade Aritmel, na que foi galardoado Ramón Doallo, está dirixida a aqueles investigadores, menores de 55 anos, que realizasen “sobresaíntes achegas científicas na área da Enxeñería Informática”. Doallo pertencente ao Grupo de Arquitectura de Computadores do Departamento de Enxeñería de Computadores. No seu fallo, o xurado destacou ao investigador da UDC polas súas destacábeis contribucións á arquitectura e tecnoloxía de computadores ao longo da súa traxectoria, así como pola “súa intensa actividade de transferencia dos resultados ao sector empresarial e o seu recoñecido liderado científico”.
Respecto de David Vilares Calvo, é investigador do Grupo de Investigación en Procesamento da Linguaxe Natural, Enxeñería Lingüística e Recuperación de Información da Facultade de Informática da Universidade da Coruña. O galardón foille concedido polas “súas destacadas contribucións á investigación en técnicas e algoritmos para o procesamento da linguaxe natural, con especial énfase na súa aplicación á análise de sentimentos en redes sociais”.

PUBLICIDADE