Recuncho Gamer recibirá un dos V Premios Mil Primaveras
luns, 3 de xuño do 2024
O 8 de xuño terá lugar o acto de entrega da quinta edición dos Premios Mil Primaveras, creados en 2019 pola Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e prestixio, destacando a cita polo recoñecemento do proxecto Recuncho Gamer, que divulga a cultura dos videoxogos na nosa lingua.
A CTNL convocou en 2023 a quinta edición dos Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego co obxectivo de recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, valorar e difundir proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.
- Iago Gordillo é o responsable do proxecto Recuncho Gamer
Entre os proxectos presentados nesta edición, o xurado recoñeceu os seguintes:
– Aquí tamén se fala (IES Rafael Di este, A Coruña), pola súa boa planificación, por traballar a lingua en positivo e por converter as persoas destinatarias en axentes normalizadores.
– CeibaRimas (Merenda Creativa), por promover o uso oral da lingua entre a mocidade asociándoa á creatividade, ao lecer e á modernidade.
– Elos. Engánchate ao galego! (Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela), por favorecer a socialización e a integración da poboación que quere aprender a nosa língua e contribuíra aumentar a escasa oferta formativa en galego para adultos.
– Recuncho Gamer (Recuncho Gamer), por levar o galego a un ámbito estratéxico e moi atractivo para a xente nova, o dos videoxogos, explorándoo a través de diferentes canles: podcast, streaming, gameplays, vídeos en redes sociais...
Acto de entrega e difusión
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Con este motivo organízase un acto público de entrega, que terá lugar o vindeiro sábado, 8 de xuño, ás 19.30 no Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra, e que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e da Deputación de Pontevedra. A difusión dos proxectos premiados tamén se fai a través das redes sociais da CTNL e da páxina web dos premios, onde se poden consultar en detalle, xunto cos premiados nas anteriores edicións, que forman xa unha selección de 28 proxectos de promoción da lingua recoñecidos.