Red.es selecciona ás 45 empresas que integrarán o Pavillón de España de MWC Barcelona 2024, incluída a galega Voltfer

xoves, 30 de novembro do 2023 S. P.

Red.es, entidade pública adscrita ao Ministerio de Transformación Dixital a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, fixo oficial a listaxe das 45 pemes tecnolóxicas nacionais que integrarán o Pavillón de España no vindeiro salón MWC Barcelona 2024, que terá lugar entre o 26 e o 29 de febreiro en Fira Gran Vía Barcelona. Galicia estará representada na dita escolma empresarial pola viguesa Voltfer, centrada en solucións intelixentes de enerxía renovábel.
Red.es organiza por undécimo ano o Pavillón de España de MWC Barcelona co obxectivo de achegarlles ás participantes a máxima visibilidade no que sería, en palabras da entidade estatal, o evento dedicado ao sector dixital e a conectividade de maior envergadura e máis influente do mundo.
As 45 empresas de referencia seleccionadas serán unha mostra do potencial español no ámbito tecnolóxico. Durante a celebración de MWC dispoñerán dun espazo propio no Pavillón de España, coas vantaxes que ofrece o poder atender aos seus clientes e potenciais colaboradores nun espazo privativo onde mostrar os seus produtos, servizos ou modelos de negocio. Ademais, poderán facer uso do resto de zonas comúns deste espazo institucional de case 900 m2.
A maiores gozarán de servizos como a difusión da súa presenza no Congreso, a presenza no panel de 2 presentacións do Pavillón ou a participación nas diferentes actividades que se xeran durante o Congreso, como actividades de networking ou visitas institucionais. Ademais, dispoñerán de entradas ao evento, conexión a Internet, servizo de cáterin e outros servizos “chave en man” para simplificar ao máximo as xestións que implican a súa participación no congreso.
O número de empresas expositoras viuse incrementado en máis dun 18% nesta edición con respecto aos datos de 2023, cando participaron 38 empresas, recibindo máis de 7.000 visitantes presenciais e outros tantos de forma virtual, e que contou con máis de 50 horas de contido do máximo nivel que puido ser seguido en presencial e por streaming.

PUBLICIDADE