Reino Unido oponse á compra de Activision Blizzard por parte de Microsoft

mércores, 26 de abril do 2023 Marcus Fernández

A Autoridade dos Mercados e a Competencia (CMA) de Reino Unido oponse ao acordo de compra de Activision Blizzard por 68.700 millóns de dólares por parte de Microsoft, e non pola fortaleza da franquía de Call of Duty senón por considerar que a compañía de Redmond non foi quen de eliminar as dúbidas sobre a ameaza que suporía que mellorase aínda máis a súa posición no mercado do xogo na nube, ámbito emerxente no que son líderes absolutos.
A CMA salienta que entre primeiros de 2021 e finais de 2022 o xogo na nube no Reino Unido triplicou o seu volume, estimándose que en 2026 poida xerar 11 mil millóns de libras a nivel mundial e mil millóns de libras en Reino Unido (citando como contraste que en 2021 a industria musical en Reino Unido facturou 1.100 millóns de libras).
Dado que actualmente Microsoft xa controla o 60-70% do mercado dos servizos de xogo na nube, que se sustenta tanto en Xbox e nos PC con Windows, así como na infraestrutura de Azure, a CMA teme que a compañía estadounidense poida facer que os xogos de Activision Blizzard poidan rematar sen exclusivos de Xbox Cloud Gaming, o que propiciaría unha suba de prezo do servizo, prexudicando aos consumidores ao reducir a súa capacidade de elección e incrementando o gasto en videoxogos.
Aínda que Microsoft ofreceu garantías relativas á adquisición de Activision Blizzard, centráronse especialmente nos xogos tradicionais, non tranquilizou aos reguladores sobre o futuro do servizo de xogo na nube.
O que non deixa de ser rechamante é que a CMA recoñece que podería aceptar a compra de Activision Blizzard activando funcións de vixilancia por parte do regulador, pero prefire oporse á operación para non ter que intervir a longo prazo.

ACTUALIZACIÓN: Tras coñecerse a resolución da CMA Brad Smith de Microsoft lanzou un comunicado no que anunciou a súa intención de apelar a decisión. Microsoft considera que a decisión da CMA responde a unha falta de entendemento do mercado e do xeito na que a tecnoloxía na nube funciona, así como tamén ignoraron os compromisos de Microsoft a levar os xogos de Activision Blizzard a 150 millóns de dispositivos máis, así como expresaran a súa disposición a cumprir coas condicións que impuxesen os reguladores á operación de adquisición.

PUBLICIDADE