RetroCoruña pechou a súa última edición presentando un novo blog galego

luns, 10 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Centos de seareiros da informática clásica visitaron Sada o pasado sábado

O pasado sábado o Pavillón de Deportes de Sada amparou a celebración da 4ª edición de RetroCoruña, un evento que busca divulgar e preservar a cultura da informática clásica e dos videoxogos, para o que contaron con 17 expositores, máis de 400 visitantes, proxeccións audiovisuais, obradoiros e relatorios, demostrando que este ámbito cultural está moi activo en Galicia.
Esta edición do evento servía para celebrar o 30º aniversario do ZX Spectrum, así como para repasar toda unha serie de ordenadores da época, presentes nunha completa exposición na que podía verse dende uns equipos clónicos do clásico ordenador de Sinclair ata unha versión asiática do BBC Micro (equipo co que tivera que competir o Spectrum no Reino Unido).

O ZX Spectrum e moitos outros ordenadores clásicos podían verse expostos no Pavillón de Deportes de Sada

O público tamén tiña dispoñibles varias consolas de videoxogos clásicas, o que era unha oportunidades magnífica para poder botar unha partida a unha Vectrex de 1983 ou a consolas máis recentes como unha Nintendo 64 ou unha Dreamcast.
Como reflexo do impacto deste fenómeno cultural , no recinto sadense podían adquirirse non só vellos xogos e consolas, senón numerosas mostras de artesanía inspirada en personaxes de videoxogos, como pendentes, bonecos, babeiros, chaveiros e toda sorte de produtos creados con Hama Beads, entre os que cómpre destacar os elaborados polas galegas de Canela en Rama e El Onigiri con Botas.
Da xuntanza de numerosos afeccionados ao mundo dos videoxogos quixeron tirar proveito os responsables de Camarero, un par de koopas, novo blog galego de videoxogos que estreouse oficialmente en RetroCoruña, cun curioso formato episódico no que analizan xogos a través do vídeo, e con moito humor.

Os responsables de Camarero un par de koopas presentaron o seu novo blog en RetroCoruña 2012
As responsables de El Onigiri con Botas vendían os seus produtos feitos a man durante o evento