Román Rodríguez destaca a importancia da colaboración entre Galicia e Portugal en materia de I+D+i

luns, 27 de outubro do 2025 Redacción

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía (INL) de Braga, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e por unha ampla delegación do sistema galego de I+D+i, o titular de Ciencia da Xunta. Salientou a importancia de reforzar os vínculos entre Galicia e o Norte de Portugal e de impulsar a colaboración científica, a participación conxunta en proxectos europeos e a mobilidade do persoal investigador entre ambas rexións.
Esta xornada de intercambio supón un «paso máis na relación de colaboración entre Galicia e o Norte de Portugal no ámbito da I+D+i», sinalou o conselleiro. Esta cooperación, lembrou, conta xa cunha ampla traxectoria e concrétase nos tres programas europeos Interreg-POCTEP, que permitiron financiar decenas de proxectos colaborativos desde 2007; no programa Iacobus, que fixo posibles máis de 1.100 estadías de investigación en preto de 40 entidades galegas e do Norte de Portugal; e na colaboración estable entre as universidades de Santiago, Vigo e A Coruña e as do Minho, Porto e Trás-os-Montes, con programas conxuntos de doutoramento e mestrado.
Román Rodríguez explicou que esta visita é «especialmente significativa» por tratarse dun centro de referencia como o de nanotecnoloxía de Braga, dirixido por Clivia Sotomayor, «froito da colaboración hispano-portuguesa» e no que Galicia tivo un papel destacado na súa posta en marcha. Mostrouse confiado en que deste encontro poidan xurdir novas sinerxías que contribúan ao avance da ciencia tanto en Portugal como en Galicia, xa que «hoxe máis que nunca, a ciencia de fronteira e a innovación son colaboración e multidisciplinariedade».
A visita inclúe relatorios, mesas de debate e grupos de traballo para investigadores en distintas áreas temáticas (ciencias da vida, enerxía e medio ambiente, tecnoloxías da información e da comunicación e materiais avanzados), ademais de reunións bilaterais entre o persoal investigador galego e os líderes de grupos do INL.
A iniciativa enmárcase na Estratexia de Especialización Intelixente da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (RIS3T), a primeira RIS transfronteiriza da UE. A RIS3T 2021-2027 é unha estratexia conxunta de innovación, investigación e especialización intelixente para a eurorrexión Galicia–Norte de Portugal que busca potenciar a I+D+i compartida entre ambos territorios, aproveitando as súas sinerxías xeográficas, culturais, económicas e científicas en ámbitos de interese estratéxico común. Ademais, inscríbese nas accións da Xunta de Galicia para dinamizar o crecemento e a proxección internacional do ecosistema galego de innovación.
A delegación galega en Braga está composta por representantes da Xunta de Galicia (a través das consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Sanidade), das tres universidades públicas galegas, e de oito centros de investigación da Rede CIGUS (AtlanTTic, CICA, CIM, CiMUS, CINBIO, CiQUS, CITIC e IGFAE). Tamén participan outros centros universitarios (CITEEC, CINTECX, CITENI, IMATUS e CITMAGA), as fundacións de investigación sanitaria Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), así como os centros tecnolóxicos galegos representados pola Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA), con cinco dos seus centros (AIMEN, ANFACO, CETIM, GRADIANT e ITG), o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne (CETECA), a Delegación do Consello Superior de Investigacións Científicas en Galicia (CSIC) e o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM). Completan a comitiva a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) e os clústeres BIOGA, CSG e VIRATEC.