SEGA adía o lanzamento da Mega Drive mini

mércores, 19 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Tras o anuncio de que Sony vai lanzar unha PlayStation Classic en decembro, SEGA ten que recuar, e a Mega Drive mini que en abril anunciou que poría á venda este mesmo ano, incluíndo probablemente os xogos da SEGA Genesis Classics Collection, finalmente non verá a luz en 2018, e adiaríase o seu lanzamento até 2019.
Aseguran que o adiamento está provocado porque queren ser quen de lanzar simultaneamente o produto en todo o mundo, aínda que resulta inevitable pensar que unha Mega Drive de tamaño reducido compartindo estantes nas tendas cunhas PlayStation mini podería ser un fracaso rotundo, resultando bastante prudente que se axuste o seu lanzamento para non coincidir no tempo con consolas semellantes de Sony ou Nintendo.
Polo momento Nintendo non amosou as súas cartas, existindo rumores que apuntan tanto a que podería recuperar a Nintendo 64 como que podería optar por un camiño moito máis atractivo, e atreverse a resucitar á primeira Game Boy nun tamaño compacto e con varios xogos precargados (o que podería ter un pulo incrible de incluírse na consola algún dos primeiros xogos de Pokémon, así como o incombustible Tetris).

PUBLICIDADE