SIVSA demostra o potencial dos serious games para mellorar a vida das persoas con doenzas psicolóxicas
mércores, 13 de novembro do 2019
A
empresa
tecnolóxica galega SIVSA vén de desenvolver unha innovadora
plataforma tecnolóxica que marca un antes e un despois no ámbito da
saúde e a atención psicolóxica. Segundo informan fontes da firma
con sede principal en Vigo, trátase dunha ferramenta pioneira de
apoio ás decisións médicas que tira proveito dos datos clínicos e
das terapias con serious games. É especialmente indicada para
clínicas psicolóxicas, psiquiátricas ou de xeriatría. En palabras
de SIVSA, “abre novas vías de tratamento que incorporan os
beneficios da tecnoloxía ás terapias”.
Segundo
explica a empresa galega, a capacidade da plataforma para mellorar a
calidade de vida das persoas con doenzas psicolóxicas ou cognitivas
quedou demostrada durante o seu desenvolvemento, ao
abeiro do proxecto Gamapea, no que demostrou a súa eficacia na
aplicación de xogos serios na prevención da depresión, a
estimulación cognitiva e a adopción de hábitos de vida saudábel.
“Os resultados obtidos”, engade SIVSA, “abren novas vías de
tratamento en especialidades como a psicoloxía, a psiquiatría ou a
xeriatría, e certifican os beneficios de incorporar novas
tecnoloxías ás terapias”.
En
termos máis concretos, a solución tecnolóxica integra resultados
de probas médicas e diagnósticas, que pode cotexar cos datos
extraídos de dinámicas de xogos serios aplicadas en pacientes.
“Isto permite ao profesional sanitario avaliar, realizar un
seguimento e comprobar como reacciona un paciente ao tratamento
prescrito para adoptar as melloras ou axustes necesarios”, explica
SIVSA, engadindo que o sistema tamén “posibilita acceder en tempo
real aos datos clínicos, as 24 horas do día, desde calquera
dispositivo e lugar, co único requisito dunha conexión a Internet,
facilitando a toma de decisións ao dispor dos datos aloxados e
centralizados nun mesmo recanto”.
Como
dixemos, a plataforma foi desenvolvida como parte do proxecto
Gamapea, que promove o envellecemento activo a través de terapias
cognitivo-conductuais, e impulsado en colaboración coa Universidade
de Santiago de Compostela, Imatia, a Fundación Ramón Domínguez e
Gradiant.
As
súas funcionalidades foron probadas durante o estudo clínico do
proxecto, desenvolvido pola USC nun centenar de pacientes galegos de
máis de 45 anos, que foron sometidos a terapias a través dun
videoxogo baseado no Camiño de Santiago, lográndose, en palabras de
SIVSA, “un éxito sen precedentes en canto a resultados e un alto
grao de adherencia, con tan só tres abandonos, un feito insólito
neste tipo de investigacións e atribuíbel á atractiva temática e
estrutura do xogo”.
Os
pacientes foron divididos en dous grupos: intervención e control. No
primeiro, recibiron un programa psicolóxico cognitivo-conductual a
través do videoxogo cunha app complementaria, que propuña
tarefas para practicar habilidades na vida real. No grupo de control,
por outra banda, só se lles facilitou información sobre o
envellecemento activo a través dunha aplicación informática. “A
melloría nos pacientes do grupo de intervención tratados co
videoxogo foi moi superior aos que pertencían ao grupo de control
que non o empregaron na súa terapia”, explica SIVSA, engadindo que
“os primeiros experimentaron melloras en todos os parámetros
estudados (habilidades sociais, hábitos de sono, capacidade para
detectar pensamentos positivos, memoria, etc.)”.