Salvador Naya (CITIC) destaca o novo paradigma da estatística no Congreso CLATSE 2025, en Ecuador
mércores, 29 de outubro do 2025
O investigador do CITIC Salvador Naya Fernández, catedrático de Estatística e Investigación Operativa da Universidade da Coruña (UDC), participou recentemente no XVII Congreso Latinoamericano de Sociedades de Estatística (CLATSE), celebrado en Quito, Ecuador, onde destacou o cambio de paradigma que vive actualmente a estatística e reforzou a colaboración académica entre Europa e América Latina.
Durante a súa intervención, Salvador Naya abordou “o profundo cambio de paradigma da estatística nas últimas décadas” e explicou como a disciplina evolucionou desde o seu enfoque clásico cara a unha visión transversal e interdisciplinar, impulsada pola análise da información a gran escala (o Big Data), a Intelixencia Artificial e os sistemas automatizados de decisión. “Hoxe, a estatística non só describe e modela a realidade: transfórmaa. Enfrontámonos a un novo ecosistema de datos masivos, algoritmos intelixentes e decisións automatizadas, onde o papel do estatístico é máis relevante que nunca”, afirmou Naya. O investigador subliñou, ademais, a importancia da formación integral que combine fundamentos matemáticos, competencias computacionais e principios éticos, para afrontar os desafíos dun mundo interconectado e guiado polos datos.
Coincidindo coa súa estancia en Ecuador, Salvador Naya foi convidado a participar na cerimonia de conmemoración dos 50 anos do Grao de Matemática da Escola Politécnica Nacional (EPN). Neste acto, abriu a xornada coa conferencia titulada Da Liña do Ecuador á liña de produción: Historia e futuro da medida, na que percorreu a evolución da metroloxía desde a soada expedición xeodésica ao Ecuador, ata os actuais procesos de control dimensional e calibración na Industria 5.0.
Durante a cerimonia, o profesor Naya recibiu un recoñecemento especial polas súas contribucións ao eido da estatística, destacando máis dunha década de contribucións científicas e académicas que fortaleceron a cooperación entre Europa e América Latina.
Ademais, o investigador do CITIC aproveitou a súa estancia en Quito para visitar a Escola Politécnica das Forzas Armadas (ESPE), onde impartiu a conferencia Defensa e Innovación: Sinerxías entre Universidade, Industria e Estado. Nela, presentou experiencias de colaboración público-privada en proxectos estratéxicos como o Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia (CEMI) e o proxecto europeo EDINAF, que promoven a transferencia de coñecemento e a innovación aplicada no ámbito da defensa e a industria tecnolóxica.
