Santiago, galardoada co Premio X Aire Limpo polo proxecto tecnolóxico TRAFAIR
martes, 9 de xuño do 2020
O
proxecto
europeo TRAFAIR, impulsado polo CESGA, o CiTIUS da USC e o
Concello compostelán co obxectivo de controlar e optimizar a
calidade do ar das cidades a través de tecnoloxías avanzadas, vén
de obter un novo e importante recoñecemento á súa traxectoria e ao
seu interese científico, tecnolóxico e medioambiental, amais de
pola súa capacidade para ser extrapolado a todo tipo de contornas
urbanas con elevada presenza de tráfico por estrada, como é o caso
de Santiago. O
proxecto TRAFAIR (Understanding Traffic Flows to Improve Air
Quality) está na base do II Premio X Aire Limpo que vén de
recibir o Concello de mans da plataforma do mesmo nome.
Segundo
informou o Goberno local, o premio (que será entregado cando a
situación sanitaria o permita) é unha distinción ao “carácter
innovador e colaborativo da iniciativa”. O galardón, cuxo prazo de
presentación de candidaturas tivo que estenderse por motivo da
pandemia da COVID-19, supón un recoñecemento aos concellos
pioneiros na posta en marcha de accións destinadas a mellorar a
calidade da súa atmosfera, de maneira que sirvan de inspiración
para outros homólogos locais. O xurado, composto por investigadores
de prestixio e asociacións profesionais da calidade do aire, puxo de
manifesto a súa grata sorpresa polo número e calidade das
candidaturas, dado o contexto sanitario.
Na
categoría de cidades menores de cen mil habitantes, o xurado
salientou o exemplo da cidade de Santiago de Compostela, en
recoñecemento ao rigor científico do proxecto TRAFAIR e a
utilización polo mesmo de novas tecnoloxías e o desenvolvemento de
servizos innovadores e sustentábeis para producir “nova
información robusta e fiábel”. Ademais, destacou “a valiosa e
pioneira xeración de coñecemento” que xorde ao cooperar
administracións públicas e universidades de España e Italia, tal e
como recollía a candidatura de Compostela.
Tanto
o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, como a concelleira de
Medio Ambiente, Mila Castro, agradeceron a concesión do premio.
Lembrou o rexedor que grazas ao programa TRAFAIR estanse instalando
sensores de calidade do aire nas zonas de meirande intensidade de
circulación, algúns dos cales están xa en funcionamento. Isto
proporcionará unha imaxe en tempo real das condicións do aire nos
momentos de maior conxestión do tráfico, para así poder determinar
unha mellor e mais eficiente xestión destes fluxos”, dixo.
Pola
súa parte, José Ramón Ríos Viqueira, investigador adscrito ao
CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías
Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela) amosábase
compracido tras a notificación do recoñecemento: “Para os
investigadores do CiTIUS que participamos neste proxecto, todos
membros do grupo de investigación en Gráficos por Computador e
Enxeñaría de Datos (COGRADE), este premio é unha proba clara de
que a investigación realizada no CiTIUS, ademais de ter impacto
científico, ten tamén un impacto social moi importante, que neste
caso redundará nun mellor coñecemento sobre a calidade do aire que
se respira en Santiago de Compostela”.
Máis
datos sobre o proxecto
A iniciativa TRAFAIR, que
tamén foi galardoada no Forum
Pa de Roma co Premio
Pa Sustentábel, vén da man dun consorcio integrado por
nove organizacións de España e de Italia. O seu xermolo está na
necesidade de afrontar con tecnoloxías intelixentes unha
problemática moi presente nas grandes cidades. Trátase de pór en
xogo unha plataforma que permita comprobar a calidade da atmosfera de
maneira rápida e eficiente e facelo cun sistema que permita tomar as
mellores decisións para mellorar a dita calidade e beneficiar a
cidadáns, negocios e administracións.
TRAFAIR
ten entre os seus retos fundamentais fornecer de estimacións de
polución de aire na cidade e desenvolver un servizo de predición
baseado na meteoroloxía concreta da zona e nos fluxos de tráfico
reais que se moven pola cidade ademais de publicar os devanditos
datos ao público.
O novo servizo, froito dos resultados de
investigación do proxecto TRAFAIR, estase a despregar nas cidades de
Santiago de Compostela e Zaragoza e as italianas Florencia, Módena,
Livorno, e Pisa. O proxecto está liderado pola Universidade de
Módena e Reggio Emilia (UNIMORE) e conta con nove socios, un total
de catro institucións públicas por país e unha empresa de
servizos. No que respecta á parte española, participan o CiTIUS, o
CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), o Concello de
Santiago de Compostela e a Universidade de Zaragoza.