Santiago recolle o galardón Aire Limpo, que destaca a utilidade da plataforma TRAFAIR

xoves, 1 de outubro do 2020 S. P.

Santiago de Compostela recibiu este primeiro de outubro o galardón do segundo Premio Aire Limpo, organizado pola Plataforma X Aire Limpo, que a acredita como a cidade menor de cen mil habitantes máis comprometida coa calidade do aire. O fallo do xurado (formado por investigadores de prestixio e asociacións profesionais da calidade do aire) coñeceuse en xuño deste ano, pero a entrega do galardón realizouse este xoves 1 de outubro. Recolleuno o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. O recoñecemento, que veu acompañado dun exemplar da árbore Davinia Involucrata (plantada polo propio rexedor), distinguiu o empuxe innovador de Santiago en materia sustentábel. Desta liña abrollou o proxecto TRAFAIR, impulsado polo CESGA, o CiTIUS da USC e o Concello co obxectivo de controlar e optimizar a calidade do ar das cidades a través de tecnoloxías avanzadas.

JPEG - 474.2 KB
O rexedor compostelán plantando un exemplar de Davinia Involucrata

O alcalde amosou o seu agradecemento á asociación Plataforma X AireLimpio, que concede o premio; aos socios do proxecto TRAFAIR e ao anterior equipo de goberno, que iniciou o programa. Segundo lembrou, TRAFAIR permite dúas cousas importantes: incorporar novas tecnoloxías e establecer un sistema de medición controlado pola USC, o que significa “unha dupla garantía”, e permite saber, en cada momento, cal é a calidade do aire que respiramos por zonas. Isto, continúa “facilítanos establecer plans de futuro”, porque “sabemos onde priorizar as actuacións, por exemplo en materia de redución de tráfico, para manter eses estándares que queremos ter".
Rafael Rodríguez, técnico de innovación do Concello de Santiago, debullou o proxecto TRAFAIR, que conta, dixo, cunha rede de sensores da calidade do aire, que proporcionan e proporcionarán no futuro os datos que se precisan para facer as predicións. José Ángel Taboada, investigador da USC no proxecto, indicou que permite “unha transferencia directa dos nosos coñecementos á experiencia á cidadanía” e que se trata dunha iniciativa “con moitos obxectivos”, que requiriu do traballo de moitos equipos multidisciplinares. Entre os resultados salientou a adquisición de datos ambientais a través de sensores de baixo custe, que reduce ata nun 90% a contía das infraestruturas necesarias para as capturas de datos e permite coñecer “a distribución dos contaminantes” pola cidade.
Patricia Argerey, presidenta do CESGA, igual que fixera José Ángel Taboada, agradeceu o premio, e recordou que son nove os socios europeos que participan no proxecto TRAFAIR. Destacou tamén o labor do CESGA, e as predicións que realiza “a 48 horas” sobre a calidade do aire. Lembrou que existen dúas aplicacións que se poden consultar para coñecer a calidade do aire en tempo real en distintas cidades.

PUBLICIDADE