Seis persoas investigadoras do CITIC, entre as máis influentes do mundo segundo o ranking de Stanford

xoves, 2 de outubro do 2025 S. P.

Seis persoas investigadoras do CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación) da Universidade da Coruña foron recoñecidas pola Universidade de Stanford (EE.UU.) no prestixioso ranking internacional World’s Top 2% Scientist List, que identifica ao 2% dos científicos e científicas máis influentes do mundo en todas as áreas de coñecemento.
A listaxe, elaborada a partir da base de datos Scopus (Elsevier), xera dúas clasificacións: unha que recolle toda a traxectoria investigadora e outra centrada nos resultados máis recentes (ano 2024).
No caso do CITIC, aparecen incluídos Tiago M. Fernández Caramés, Carlos Gómez Rodríguez e Verónica Bolón Canedo, recoñecidos tanto pola súa traxectoria como polas súas publicacións e citas máis recentes.
Pola súa banda, Paula Fraga Lamas, Diego Darriba e Amparo Alonso Betanzos incorpóranse á clasificación correspondente ao último ano.
Para o CITIC, este recoñecemento internacional pon de relevo “o liderado” do centro en áreas como as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, un dos ámbitos con maior representación na clasificación mundial.
O Ranking of the World Scientists: World´s Top 2% Scientists está considerado como un dos máis prestixiosos a nivel global, e na súa oitava edición avalía a información estandarizada sobre produción científica, citas e outros indicadores bibliométricos de máis de 200.000 investigadores e investigadoras de todo o mundo.