Senén Barro, director científico do CiTIUS da USC, Premio Nacional de Informática

xoves, 28 de maio do 2020 S. P.

Senén Barro na entrada do CiTIUS fotografado por Andrés Ruíz

A investigación galega está de celebración. O director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago, Senén Barro, vén de obter o Premio José García Santesmases de mans da Sociedade Informática de España (SCIE) e máis a Fundación BBVA. Os galardóns, fallados este martes polo xurado da cuarta edición, a través de vídeo-conferencia, recoñecen a traxectoria profesional de Barro polas súas contribucións de gran calidade ao eido da Intelixencia Artificial e á transferencia de coñecemento. O galardoado, que foi reitor da USC, colabora decote con Código Cero con artigos de divulgación tecnolóxica no que reflexiona sobre o papel relevante que xogarán os sistemas intelixentes nun futuro inmediato.
O Premio José García Santesmases é un dos tres Premios de Investigación Sociedade Científica Informática de España (SCIE) – Fundación BBVA 2020. O galardón recibe o nome dun dos grandes pioneiros da Informática en España, que foi impulsor, ademais, dos primeiros computadores fabricados dende o ámbito estatal.
Senén Barro é catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial (IA) na Universidade de Santiago de Compostela (USC). O xurado valorou a súa traxectoria, destacando que “non só posúe un brillante currículo investigador, senón que tamén foi fundador dun grupo de investigación de referencia e de startups tecnolóxicas”.
O fallo conclúe que “as súas contribucións á promoción do emprendemento innovador e á divulgación científica son recoñecidas internacionalmente”; e que “ten sido tamén un promotor moi activo dos estudos da Informática desde os diferentes cargos relevantes que ostentou”, engade.
Pola súa banda, o director científico do CiTIUS compartía deste xeito a súa satisfacción polo recoñecemento recibido: “Agradezo e celebro moito esta distinción, polo seu prestixio e por tratarse dun premio que se concede pola importancia da investigación e a transferencia dos seus resultados, no meu caso no ámbito da Intelixencia Artificial”. E engadiu, respecto do feito de compartir o recoñecemento con investigadores e investigadoras de primeiro nivel: “A importancia dun premio vén dada tamén por aqueles que o recibiron antes, e todos os anteriores premiados son persoas de excepcional valía, a cuxa altura científica espero corresponder”. Segundo fixo saber, trátase dunha distinción “que honra tamén á Universidade de Santiago de Compostela e servirá para dar unha maior visibilidade e protagonismo ao CiTIUS, o centro de investigación en Tecnoloxías Intelixentes que dirixo, e isto faime especialmente feliz”.
A cuarta edición dos Premios de Investigación Sociedade Científica Informática de España (SCIE) – Fundación BBVA recoñece desde xeito por primeira vez a un investigador do CiTIUS nunha das súas dúas modalidades: os Premios Nacionais de Informática; unha categoría destinada a recoñecer o labor de investigadores e entidades públicas e privadas na área da Informática que adicaron a súa carreira profesional e o seu esforzo ao estudo, fortalecemento e divulgación desta disciplina.
Con todo, o CiTIUS lembra que esta é a segunda ocasión na que un científico do centro aparece entre os premiados: no ano 2017, o investigador Alejandro Ramos (actualmente en etapa postdoutoral no centro compostelán), foi recoñecido como un dos seis doutores premiados en toda España na categoría Investigadores Mozos Informáticos, destinada a distinguir traballos de tese innovadores e relevantes.

PUBLICIDADE