Senén Barro recolle o Premio Nacional de Informática de mans do SCIE e a Fundación BBVA
venres, 19 de novembro do 2021
Senén
Barro, director científico do CiTIUS, catedrático de Ciencias da
Computación e Intelixencia Artificial na Universidade de Santiago de
Compostela, recibiu este xoves 18 de febreiro en Madrid o galardón
que recoñece a súa traxectoria investigadora na cerimonia de
entrega dos Premios de Investigación Sociedade Científica
Informática de España - Fundación BBVA 2020-2021.
“É
unha honra inmensa. O meu agradecemento ao xurado, á SCIE e á
Fundación BBVA non só polo galardón, senón tamén porque a través
dos premios nacionais prestixian a investigación española en
informática”, sinalou no acto de entrega de galardóns.
Na
súa alocución, Senén Barro tivo palabras de agradecemento pola
distinción, agradecemento que estendeu a todas persoas que lle
acompañaron durante a súa carreira: "Son moitas, ao longo dunha
vida dedicada á universidade, e en particular quen o fixeron como
parte do Grupo de Sistemas Intelixentes (GSI), que creei hai máis de
tres décadas, e do que me sinto enormemente orgulloso; o grupo, os
investigadores que o forman, son sen dúbida o meu mellor proxecto
científico: un proxecto creado en e grazas á miña alma mater,
a USC, que me deu todo o que son profesionalmente”.
Así
mesmo, o director do CiTIUS insistiu na necesidade de reforzar a
investigación nesta área do coñecemento ante a oportunidade que se
presenta no actual contexto histórico, coa crecente expansión da
Intelixencia Artificial: "No ámbito da IA, ou facemos unha
investigación de calidade, pertinente e relevante, ou seremos
insignificantes na tecnoloxía máis transformadora, social e
economicamente, xamais desenvolvida”.
Para
o investigador galego, unha máquina intelixente debe saber resolver
problemas complexos cun alto grao de autonomía e capacidade de
aprendizaxe: “Sempre me apaixonou o reto de facer máquinas
intelixentes; considérome un investigador de tipo explorador: ter
intereses amplos fíxome explorar distintos eidos da Intelixencia
Artificial”.
Comezou
a súa carreira académica coa defensa dunha tese doutoral (1988), na
que creou o primeiro sistema de monitoraxe de pacientes en UCI que
empregaba Intelixencia artificial. Asemade, esforzouse por lograr que
as máquinas entendesen as imprecisións da comunicación humana.
No
que respecta ao futuro máis próximo, o ex reitor da USC conclúe
que “a IA é a tecnoloxía máis transformadora que desenvolvemos
nunca, e só se apostamos por unha IA na que poidamos confiar e que
estea dirixida ao ben común, amplificaremos os seus beneficios e
atenuaremos os seus posíbeis prexuízos”. Unha máxima que, en
palabras de Senén Barro, “guiou sempre o labor do Grupo de
Sistemas Intelixentes, a miña en particular, e que agora tamén
abandeira o CiTIUS”.