Senua’s Saga: Hellblade II está dispoñible para consola, PC e nube

mércores, 22 de maio do 2024 Marcus Fernández

A secuela do galardoado Hellblade: Senua’s Sacrifice xa está aquí, dispoñible para a súa compra na tenda dixital de Microsoft e en Steam, aínda que o xeito máis atractivo de facerse con este xogo é a través dunha subscrición ao Game Pass, o que permite xogalo en PC, consola ou incluso directamente na nube, pagando unha cantidade bastante inferior ao do prezo do xogo e ofrecendo moitos outros títulos a maiores.
De feito, este tipo de lanzamentos enténdense principalmente como un xeito de atraer xogadores ao Game Pass, pois estamos ante un xogo de poucas horas de duración, que busca ofrecer unha experiencia inmersiva, pero non está pensado para que se xogue en repetidas ocasións.
Senua’s Saga: Hellblade II volve convidar ao xogador a unha viaxe de supervivencia a través dos mitos e o tormento da Islandia dos viquingos, con Senua encarando unha batalla para superar a escuridade tanto interior como exterior nunha experiencia especialmente deseñada e narrada a través da inmersión cinematográfica, con elementos visuais fermosos e un son envolvente que xoga un rol moi especial á hora de somerxernos na historia.

PUBLICIDADE