Siri non integrará Apple Intelligence até o ano que vén

venres, 7 de marzo do 2025 Marcus Fernández

En xuño de 2024 Apple presentaba na conferencia inaugural do seu evento para desenvolvedores, a WWDC, a súa grande aposta pola intelixencia artificial, Apple Intelligence, que como principal mellora de cara aos usuarios estaría o feito de que Siri deixaría de ser parva, de xeito que entendería a linguaxe natural, sería consciente do contexto, podería seguir a conversa e incluso poder realizar numerosas tarefas en aplicacións de terceiros, o que suporía unha autentica revolución.
Pero agora que sabemos que Apple Intelligence chega a España e en español no mes de abril, cómpre reducir as expectativas, pois Bloomberg vén de confirmar directamente de Apple que a integración de Apple Intelligence en Siri non chegará cando estaba previsto, polo que tardaremos en ver como Siri entende o contexto persoal do usuario e pode interactuar con outras aplicacións tal e como Apple anunciou hai xa 9 meses, e facendo crer na súa publicidade que as funcións de Apple Intelligence para iPhone estaban dispoñibles dende o pasado mes de setembro, cando agora só se atreven a estimar que chegará «ao longo do vindeiro ano».
Incluso se comenta que para gozar dunha experiencia conversacional de Siri haberá que agardar até 2026,aínda que non desbotan que esas funcionalidades non cheguen até 2027.

Co lanzamento do iPhone 16 Apple publicou anuncios en televisión promocionando funcións de Siri que chegarán, como moi pronto, en 2026

ACTUALIZACIÓN (8-3-2025): Apple fixo privando en YouTube o vídeo que citamos por vender fume e poder considerarse publicidade enganosa.