Skype proba o desenfoque de fondo para unha maior intimidade nas videoconferencias

martes, 15 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

A aplicación de Skype está a recibir unha interesante novidade na súa versión preliminar (a partires da versión 8.37.76) que permite que a imaxe se centre na persoa que está diante, desenfocando o fondo de xeito sutil, o que pode lembrar ao modo retrato que teñen moitos smartphones, pero que desta volta non procura imitar a unha instantánea realizada por unha cámara réflex, senón afastar da vista do interlocutor elementos que non precisa ver claramente, ou sexa, para centrar a comunicación ás persoas e reducir a intromisión na intimidade que en moitas ocasións poden supor as videoconferencias.
Esta nova funcionalidade de Skype está xa a probarse nas versións para Windows, Mac e Linux da aplicación de escritorio, e pode activarse de xeito doado con só premer co botón dereito do rato sobre o vídeo e escollendo a opción difuminar mi fondo, podendo desactivarse cando se desexe.

A nova opción está dispoñible con só premer co botón dereito do rato sobre o vídeo da nosa cámara

PUBLICIDADE