Non só Microsoft amosou as súas armas durante a presente edición do E3, senón que tamén Sony tivo moito xogo do que presumir, para atraer a usuarios ás súas plataformas de xogo, e aínda que principalmente a compañía nipoa optase por títulos multi-plataforma para darse a valer (ofrecendo imaxes de xogos como Grand Theft Auto V, Battlefield Hardline e Batman Arkham Knight), algúns títulos exclusivos (como Uncharted 4 e The Order 1886) fan que a PlayStation 4 sexa toda unha referencia da nova xeración de consolas, ás que acompañará un novo pequeno produto, a PlayStation TV, que vén a ser a versión occidental da PS Vita TV que se deu a coñecer durante o Tokyo Game Show do ano pasado, e que ofrece a experiencia de xogo e os servizos de PlayStation a través do televisor a un prezo moi axustado (custaría uns 99 euros o dispositivo e 139 euros cun mando DualShock 3, un cable HDMI, unha tarxeta de memoria e o xogo da película de LEGO, que podería chegar ao mercado europeo no outono, aínda que os detalles do desembarco no noso territorio aínda non se anunciaron oficialmente).
Trailer de Uncharted 4: A Thief’s End estreado no E3
Sony amosou o Little Big Planet 3 que chegará en novembro, aínda que outros títulos prometedores como Uncharted 4: A Thief’s End e The Order: 1886 non chegarán ao mercado ata 2015, o que fai que as grandes exclusivas para PlayStation fáganse agardar bastante, aínda que mentres teremos un novo capítulo descargable para Infamous: Second Son que chegará no outono, e grandes xogos multi-plataformas como Battlefield Hardline (xogo para o que xa podemos inscribirnos á súa beta pechada) ou o popular Grand Theft Auto V (que confirmou que saltará á nova xeración de consolas e a ordenadores persoais o vindeiro outono). Outros títulos multi-plataforma que amosaron durante a conferencia de Sony foron Batman: Arkham Knight, o agardado Destiny de Bungie, o violento Mortal Kombat X de NeatherRealm Studios e o espectacular Far Cry 4, que son moi bos exemplos da potencia que ofrecen as novas consolas.
Vídeo cunha mirada fugaz ás novidades de PlayStation para os vindeiros meses
Tamén aproveitaron o evento para confirmar que Sony vai estrear a través de PlayStation unha serie de televisión baseada no cómic Powers (da que xa se falou hai meses) e que iría na liña do que Microsoft está a preparar coa súa franquía Halo (que tamén contará con serie de televisión), deixando claro que as empresas de videoxogos non queren deixar pasar a oportunidade de explorar a creación de contidos audiovisuais distribuídos dixitalmente ante o éxito de plataformas como Netflix e as súas series House of Cards e Orange Is The New Black.
Vídeo coa conferencia de Sony íntegra
