O cómic Powers converterase na primeira serie de televisión de PlayStation

xoves, 20 de marzo do 2014 Marcus Fernández

JPEG - 15.7 KB
Jason Patric protagonizara un piloto de Powers en 2011

O panorama audiovisual está a experimentar un importante impacto en mercados como o estadounidense coa emerxencia de series de televisión que se estrean fóra das canles tradicionais, como House of Cards e Orange is the New Black, producidas pensando na súa distribución a través da plataforma de vídeo baixo demanda Netflix, e agora vemos como Powers, a colección de comics de Brian Michael Bendis e Michael Avon Oeming publicada en España por Panini, vai experimentar un tratamento semellante na súa adaptación televisiva, que chegaría en forma de serie de 10 episodios dunha hora producida por Sony Pictures Television para a súa distribución a través da PlayStation Network.
Actualmente estímase que o número de consolas conectadas a dispositivos PlayStation supera os 30 millóns nos EE.UU., polo que semella unha interesante plataforma audiovisual, o que permitiría a Sony ampliar o negocio desta rede fóra do sector dos videoxogos. Aínda que a PlayStation 3 xa conta dende hai tempo con contidos audiovisuais (de feito, é un dispositivos máis empregados para recibir a programación de Netflix) non parece que Sony tomase demasiado en serio esta posibilidade de negocio ata agora.
Aínda non se coñece cando chegará a nova serie de televisión ás consolas norteamericanas, sendo de esperar que a súa distribución internacional chegue a través de canles tradicionais como aconteceu tamén coas series orixinais de Netflix (o mercado televisivo baixo demanda non parece estar aínda maduro a nivel global).
Esta non é a primeira vez que se intenta levar Powers á pequena pantalla, pois estas aventuras policiais ambientadas nun mundo no que existen os superheroes chegaron incluso a levar á gravación dun episodio piloto protagonizdo polo actor Jason Patric hai tres anos.

PUBLICIDADE