Spotify denuncia as prácticas de Apple contra a competencia

mércores, 13 de marzo do 2019 Marcus Fernández

A intermediación de Apple nos pagamentos é un dos grandes problemas que denuncia Spotify, xa que afecta directamente aos consumidores

As comisións que cobra Apple pola compra de aplicacións na App Store considerábanse relativamente xustas, pero cando falamos de subscricións a servizos non parecen tan xustificadas, ou tal pensan dende Spotify, compañía que tras anos de negociacións infrutuosas coa compañía de Cupertino decidiu tomar medidas drásticas e denunciou ante os organismos de competencia da Comisión Europea as prácticas de Apple, á vez que estrearon unha páxina web para informar aos consumidores do que consideran que é un xogo sucio por parte da compañía da mazá.
O feito de que Apple cobre a Spotify unha comisión do 30% nas compras dentro da aplicación sitúa ao servizo musical nunha posición de clara desvantaxe, xa que teñen que incrementar o prezo para compensar tal taxa, de xeito que para o usuario final son máis caros que Apple Music, o que claramente atenta á competencia. Existe a posibilidade de non empregar o sistema de pagamento da App Store para evitar tal comisión, pero nese caso Apple impón unhas normas que dificultan a comunicación co consumidor (e a aplicación de promocións).
Que Apple sexa propietaria de iOS, da App Store e dun servizo que compite con Spotify é unha combinación que sitúa á compañía nunha posición de dominio que non debería permitirse, e segundo Spotify vai máis aló das condicións económicas, xa que aseguran que Apple veta a Spotify e a outros de servizos como Siri e dispositivos como o HomePod ou o Apple Watch, dando unha vantaxe artificial a Apple Music.
As prácticas de Apple semellan ir contra os intereses de Spotify e dos consumidores, ao alterar a competencia, e non é até agora que sabemos realmente dos conflitos que houbo entre ambas compañías ao longo do tempo, con Apple rexeitando constantemente as melloras da aplicación de Spotify para iOS, restrinxindo as fórmulas de pagamento e a súa publicidade, negándose ao longo de 3 anos a que Spotify chegase ao Apple Watch (pese á demanda por parte dos usuarios) e incluso realizando prácticas promocionais para Apple Music con accións prohibidas a terceiros.

Vídeo no que Spotify explica algúns dos problemas que teñen coas prácticas anti-competitivas de Apple

PUBLICIDADE