Stadia botará o peche en xaneiro
xoves, 29 de setembro do 2022
A primeiros de ano había informacións que apuntaban a que
Google tería tirado a toalla co seu servizo de xogo na nube, Stadia, e que estaría
a buscar salvar os mobles comercializando o seu sistema a través de terceiros,
ou sexa, que facilitarían que outras empresas contasen con servizos de xogo en
streaming empregando a súa tecnoloxía. Pero unha cousa é que Stadia demostrase
unha solvencia técnica e outra que comercialmente a súa oferta resultase
atractiva, quedando bastante claro que nin xogadores nin desenvolvedores
confiaban en que Google mantivesen a súa proposta no mundo dos videoxogos a
longo prazo, e o tempo deulles a razón, pois veñen de confirmar o peche do
servizo.
O director xeral de Stadia, Phil
Harrison, anuncia o cesamento do servizo de streaming de videoxogos, operativo até o 18 de xaneiro de 2023 (pechando a venda de xogos hoxe mesmo), engadindo un detalle que deixa
clara a magnitude de tal catastrófica decisión: devolverán os cartos de todas
as compras de hardware e software de Stadia antes do remate de xaneiro de 2023.
Isto ten que ser así porque a xente que adquiriu xogos e mandos para Stadia
estaba a contratar un servizo a longo prazo.
De feito, aínda que o lanzamento de Stadia Pro foi o 19 de novembro de 2019, a
plataforma tardou moitos meses en ofrecer todas das prestacións anunciadas no
seu lanzamento, e hai pouco que podemos considerala madura, de aí que a súa
retirada sexa toda unha mágoa para moitos que estaban a comezar a tirar
proveito das súas posibilidades.
Con este anuncio podemos entender certo detalle da consola
portátil de Logitech orientada ao xogo na nube, pois o fabricante só
detallaba o seu funcionamento coas solucións de xogo mediante streaming de
nVIDIA, Steam e Xbox, sen mencionar a Stadia, o que sorprendía bastante xa que
falábamos dunha máquina que corría Android, e agora entendemos a razón: Google
non quixo comprometerse con Logitech para a integración de Stadia no seu novo
dispositivo.
Pero o peor desta situación é o que acontece cos desenvolvedores de videoxogos
que ousaron confiar en Stadia, pois ven como o seu esforzo de meses de traballo
non se verá recompensado, e o lanzamento dunha versión dos seus xogos para
Stadia podería terlle provocado importantes perdas económicas, polo que non
sería de sorprender que Google pagase algún tipo de compensación, cando menos
aos estudios que lanzaron títulos no último ano.
Cómpre subliñar que o peche de Stadia está a facerse dun xeito moi covarde, cunha simple entrada no blog oficial de Google e colocando como privados os 571 vídeos da canle oficial de Stadia en YouTube, co que parecen querer ocultar as vergoñas da compañía de Mountain View, que cada vez inspira menos confianza polos peches de servizos ou polos cambios das súas condicións até o punto de considerarse que traizoan a confianza dos usuarios.